- Xoguetes, bicicletas e ferramentas electrónicas, dispositivos USB, detectores de fume, aparellos domésticos intelixentes ou LED decorativos, representan a sexta parte dos residuos electrónicos en masa
- O litio e cobre, elementos que se utilizan na fabricación destes obxectos, constitúen materias primas estratéxicas recuperables cuxa demanda segue en aumento porque son fundamentais para a transición enerxética, a industria, a tecnoloxía e a industria aeroespacial e de defensa, entre outras
Cerceda, a 17 de outubro de 2023.- Moitos dos residuos eléctricos e electrónicos que se acumulan nos fogares, e que pasan desapercibidos para os consumidores, conteñen materias primas estratéxicas recuperables cuxa demanda segue en aumento porque son fundamentais para a transición enerxética, a industria, a tecnoloxía e a industria aeroespacial e de defensa, entre outras.
Segundo un informe de WEEE Forum, Asociación internacional de Organizacións de Responsabilidade do Produtor para residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), que aglutina a 50 membros de 33 países, obxectos tales como xoguetes, bicicletas e ferramentas electrónicas, dispositivos USB, detectores de fume, aparellos domésticos intelixentes ou LED decorativos, representan a sexta parte dos residuos electrónicos en masa e dos que se podería recuperar ata 10.000 millóns de dólares (máis de 9.400 millóns de euros) en materias primas esenciais.
Tal e como manifestou o director xeral de WEEE Forum, Pascal Leroy, os consumidores “tenden a recoñecer os produtos eléctricos domésticos como aqueles que enchufa e utiliza habitualmente. Pero moita xente non sabe a que categoría de residuos pertencen os produtos auxiliares, periféricos, especializados, de hobby e de lecer, nin como reciclalos.”
Con datos do 2022 recompilados polo Instituto das Nacións Unidas para a Formación Profesional e Investigacións (UNITAR), e excluíndo os cables, a India, con 1.240 millóns de kg de residuos destas características e 3.397 millóns de obxectos, lidera a clasificación deste tipo de lixo. Séguelle Francia (169 millóns de kg e 284 millóns de pezas) e Gran Bretaña (164 millóns de kg e 302 millóns de pezas). España, cunha xeración de 86 millóns de kg de lixo electrónico e 155 millóns de pezas, ocupa o sétimo lugar.
WEE Forum afirma que cada ano se adquiren uns 7.300 millóns de xoguetes electrónicos, entre eles, xogos de carreiras de vehículos, trens eléctricos, xoguetes musicais, bonecas parlantes, drons, etc, unha “montaña mundial” dos que “cada persoa refuga de media un anualmente”.
Así mesmo, e de acordo con esta organización, cada ano prodúcense 844 millóns de dispositivos de vapeo que xeran o equivalente de residuos electrónicos a tres veces o peso da ponte de Brooklyn de Nova York ou de seis veces o da Torre Eiffel.
Pola súa banda, os residuos electrónicos e eléctricos “invisibles” equivalerían ao peso de case “medio millón de camións de 40 toneladas que, situados nunha liña, ocuparían un 5.640 km, unha distancia aproximada de Roma a Nairobi”.
Litio e cobre, materiais estratéxicos
O litio é un dos elementos que se utilizan na fabricación destes obxectos para facilitar a recarga das baterías e é unha “materia prima estratéxica” fundamental na produción tecnolóxica e crucial na transición enerxética en Europa. Con todo, e ante a falta dun proceso de reciclaxe axeitado destes obxectos, elementos como o litio van parar aos contedores domésticos ou a outros lugares, segundo a organización.
Ademais, e segundo WEE Forum, en 2022 refugáronse 950 millóns de kg de cables, que conteñen cobre, facilmente reciclable, e que representan unha cantidade suficiente como para dar 107 voltas á Terra.
Moitos destes residuos acumúlanse nos fogares e moitos consumidores ignoran “o enorme recurso durmido” que representan ante o previsible incremento nos próximos anos da demanda de moitos destes “elementos estratéxicos”.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Freepik