- Así o conclúe unha investigación internacional publicada recentemente pola revista Critical Reviews in Food Science and Nutrition, que puxo o foco de atención nas substancias químicas presentes nos materiais de envasado
- Pola súa banda, a reciclaxe do vidro é integral e infinito, sen perder cantidade nin calidade no proceso, o que se coñece como un material permanente
Cerceda, a 12 de xullo de 2022.- A idoneidade do vidro como material de envasado queda patente no uso do mesmo naqueles sectores que son especialmente esixentes en canto ás cualidades do envase para conservar e comercializar os seus produtos. Os frascos de vidro empréganse amplamente nas industrias de cosmética, perfumería ou farmacia. Pola súa banda, os tarros e botellas de vidro son elixidos por máis de 8.000 empresas españolas de alimentación.
Entre as súas vantaxes, cabe destacar que o vidro é químicamente inerte, de maneira que garante as propiedades orixinais dos produtos que contén, ademais de ser un material natural, hixiénico e aséptico.
No contexto da industria alimentaria, as lexislacións sobre materiais en contacto cos alimentos son moi estritas e evolucionan a medida que xorden novos envases ou se avanza nos estudos pertinentes. Neste sentido, unha nova investigación internacional publicada recentemente pola revista Critical Reviews in Food Science and Nutrition puxo o foco nas substancias químicas presentes nos materiais de envasado, concluíndo que existen case 3.000 substancias que entran en contacto directo cos alimentos e que poderían migrar ao contido do envase incrementando a exposición a estes químicos por parte dos consumidores.
En comparación con outros tipos de materiais, o vidro e a cerámica son, con diferenza, a opción máis segura e saudable para o sector.
“O estudo demostra que o vidro é o máis seguro entre os materiais de envasado, xa que practicamente non se lle detectan substancias químicas e, polo tanto, é o máis seguro para a saúde humana“, afirma Adeline Farrelly, secretaria xeral de FEVE, a Federación Europea de Fabricantes de envases de Vidro.
Este resultado tan positivo débese á baixa complexidade química deste material. O vidro procede da fusión de materia prima natural (area de sílice, carbonato de sodio e calcaria) da cal se obtén un material estable e inerte, e un envase dunha única capa que non precisa de vernices ou plásticos para estar en contacto seguro cos alimentos e bebidas.
MATERIAL PERMANENTE
Os resultados desta investigación chegan nun momento clave no que, tanto a alimentación saudable como os modelos de negocio sostibles, teñen cada vez máis adeptos e defensores entre os consumidores.
Cabe destacar que a reciclaxe do vidro é integral e infinita, sen perder cantidade nin calidade no proceso, o que se coñece como un material permanente. Esta calidade permite obter un material reciclado apto para crear un novo envase alimentario, ofrecendo as mesmas garantías que un fabricado a partir de materia prima, aforrando enerxía, reducindo emisións e evitando a xeración de residuos.
Fonte: IDE
Imaxe: Pixabay