- Así o manifestou en Ecovoz o director do programa europeo de educación ambiental “Cada lata cuenta”, Pablo García.
- Presente en 14 países, entre os que se atopa España, o seu obxectivo é sensibilizar, dunha forma dinámica, lúdica e divertida, sobre a necesidade de separar tamén as latas de bebidas fóra do fogar e depositalas no contedor amarelo para que poidan ser recicladas.
- É por isto que a iniciativa centra a súa atención en tres escenarios: festivais, eventos deportivos e praias.
- Cunha taxa do 87%, España, xunto con Alemaña, Bélxica e Holanda, atópase no ránking europeo en reciclaxe de latas de bebidas.
Cerceda, a 13 de xuño de 2019.- “Cando reciclamos unha lata de bebidas aforramos auga (70%), enerxía (90%) e o propio material; estamos facendo economía circular”. Así se expresou no espazo radiofónico Ecovoz o director de “Cada lata cuenta”, Pablo García, un programa europeo de educación ambiental centrado na reciclaxe de latas e presente en 14 países, entre os que se inclúe España fai tres anos.
O obxectivo desta ambiciosa iniciativa é precisamente sensibilizar sobre a necesidade de separar tamén as latas de bebidas fóra do fogar e depositalas no contedor correspondente, neste caso o amarelo, para que poidan ser recicladas.
É por isto que as actividades de concienciación e sensibilización lévanse a cabo en tres escenarios considerados clave: festivais, eventos deportivos e praias. Trátase, como sinalou García, de facer pedagoxía dunha forma “lúdica, divertida e emocional” a fin de que o público incorpore aos seus hábitos un acto sinxelo como é colocar a lata no lugar axeitado para que poida ser reintroducida na cadea de reciclaxe.
Neste tipo de encontros ponse a disposición dos colectivos sociais, festivais e concellos, contedores amarelos e contedores específicos, e incluso cóntase con voluntarios de apoio equipados con mochilas recolectoras para que todas as latas sexan recollidas e recicladas, á vez que se crea cultura medioambiental.
O programa compleméntase tamén co famoso taller “Pixelata”, premiado internacionalmente en Los Ángeles e elaborado con milleiros de latas consumidas que os propios cidadáns que asisten a festivais colocan nunhas celdas para crear a súa propia obra de arte. Trátase, polo tanto, dunha actividade dinámica e participativa que logra captar a atención dos asistentes e que, por riba de todo, nutre esta acción de sostibilidade en torno aos envases de bebidas.
OS MÁIS APLICADOS
España, xunto con Alemaña, Bélcica e Holanda, atópase no ránking europeo en reciclaxe de latas de bebidas, cunha taxa do 87%, dando debido cumprimento aos obxectivos da Unión Europea en materia de recuperación de envases metálicos.
Non obstante, tal e como sinalou Pablo García, non debemos cellar no empeño de seguir prosperando e mellorar estes índices porque, tal e como asegurou, “reciclando axudamos a loitar contra o cambio climático”, especialmente nun momento tan crítico como o que estamos a vivir actualmente e que require de medidas urxentes para garantir o futuro do planeta.
Neste marco, o director de “Cada lata cuenta”, alentou aos mozos e mozas a participar nesta iniciativa a través da páxina web do programa, recordando que tamén está presente en Facebook e Instagram con interesantes propostas e novidades.
Máis información en www.cadalatacuenta.es
Saúdos, Departamento de Comunicación