- Está presente nas campañas escolares promovidas por esta Sociedade pública con adaptacións a cada tramo de idade e nivel educativo. É o caso de Recolle!, concibido para Educación Infantil, “Corre e percorre”, deseñado para Educación Primaria, e “Únete, ti decides”, orientado a Secundaria.
- Para reforzar os coñecementos no ámbito da compostaxe, tanto doméstica como industrial, os internautas teñen a súa disposición unha experiencia Stop Motion e a actividade “Apúntate a compostaxe!”, enmarcada no proxecto europeo Res2ValHum.
- A redución do desperdicio alimentario tamén conta co seu propio apartado lúdico baixo o título “Nesta casa non se tira nada”, proporcionando a través do mesmo consellos, técnicas e recomendacións para evitar que a comida acabe no cubo do lixo.
Cerceda, a 15 de xullo de 2020.- O xogo online tivo e ten un lugar relevante nas campañas educativas de Sogama, especialmente nas dirixidas aos máis novos. Desde fai anos, esta empresa pública veu complementando as súas iniciativas formativas con elementos lúdicos que permiten reforzar e amplificar as mensaxes en torno á xestión sostible dos residuos urbanos. Para isto, os xogos viñéronse adaptando a cada tramo de idade co fin de garantir a transmisión de información e espertar a sensibilidade dos destinatarios en torno ao coidado do medio ambiente.
Exemplo disto é “Recolle!”, un xogo orientado a pequenos de 3 a 6 anos (Educación Infantil) que lles permite identificar, dunha forma sinxela e amena, as distintas tipoloxías de refugallos e o seu contedor de destino, propiciando que interioricen a importancia deste xesto para contribuír á reciclaxe de cada material, dándolle unha segunda vida.
Pola súa banda, “Corre e percorre” está concibido para nenos/as de 6 a 12 anos, sendo o seu obxectivo que estes tomen conciencia e coñezan o circuíto que deben percorrer os residuos desde que se producen ata que son recuperados, ben a través da súa reciclaxe ou ben a través da súa valorización enerxética, no caso da fracción non reciclable.
Xa para os estudantes de Educación Secundaria xestouse no seu momento o xogo “Únete, ti decides” co fin de promover a reflexión en torno aos hábitos de consumo e compras responsables, propiciando a toma de decisións sobre que facer co lixo xerado e avaliar as consecuencias das mesmas.
MENOS DESPERDICIO ALIMENTARIO E MÁIS COMPOSTAXE
A necesidade de reducir o desperdicio alimentario constitúe outra das temáticas abordadas, toda vez que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban refugados.
Como complemento da campaña “Comer si, tirar non”, ideouse “Nesta casa non se tira nada”, un xogo dinámico a través do cal proporciónanse consellos, técnicas e recomendacións para evitar que a comida acabe no cubo do lixo. Incídese así na conveniencia de revisar a despensa, conxelador e neveira para consumir primeiro os produtos máis antigos, elaborar unha lista da compra co necesario, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, adquirir alimentos “feos”, toda vez que teñen as mesmas propiedades nutricionais que os “guapos”, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
A formación en materia de compostaxe tamén está apoiada con dúas actividades lúdicas. É o caso da experiencia Stop Motion sobre autocompostaxe, que permite aos internautas construír unha historia vinculada á reciclaxe da materia orgánica e elaborar o seu propio vídeo a través dos recursos proporcionados (elementos, obxectos, personaxes e situacións que formarán parte do mesmo ) e o xogo “Apúntate ao compostaxe!”, enmarcado no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, sendo o seu obxectivo mostrar aos internautas os pormenores e bondades da compostaxe, tanto doméstica como industrial.
http://www.sogama.gal/gl/info/xogos-escolares
Saúdos, Departamento de Comunicación