- Estará presente nos “IV Encontros de Experiencias Arteixo Innovación Educativa”, que terán lugar do 6 ao 9 de maio.
- O obxectivo último é que os pequenos desta localidade aprendan máis sobre xestión sostible de residuos.
- O taboleiro do xogo reproduce un campo de fútbol polo que os escolares avanzan co obxectivo último de marcar gol na portería contraria. Con tal fin, deben superar de forma satisfactoria diversas probas de coñecemento e habilidades.
- Ademais de todo isto, este recurso pedagóxico permite traballar outros valores esenciais desde a dimensión educativa: o esforzo, a tolerancia, o labor en equipo, a empatía, a solidariedade, o liderado, etc.
Cerceda, a 3 de maio de 2019.- O xogo xigante de Sogama “Un partido polo planeta” estará presente nos “IV Encontros de Experiencias Arteixo Innovación Educativa”, que terán lugar do 6 ao 9 de maio, a fin de que os pequenos desta localidade aprendan máis sobre xestión sostible de residuos e poñan a proba os seus coñecementos na materia.
O taboleiro do xogo reproduce un campo de fútbol polo que os escolares avanzan co obxectivo último de marcar gol na portería contraria. Para gañar terreo, deben superar unha serie de probas nas que terán que dar conta da súa bagaxe medioambiental en torno ao principio dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe. O que máis probas supere, maiores garantías terá de marcar gol.
Se ben a través dalgunhas actividades búscase indagar nos coñecementos dos alumnos, combinando preguntas correctas con algunhas disparatadas, noutros casos estes deben mostrar tamén as súas habilidades e talento a través do debuxo, a interpretación e as adiviñanzas. Todo un exercicio de creatividade e enxeño co que facerse entender na área medioambiental.
A correcta clasificación dos residuos tamén cobra peso no xogo. De feito, a través dunha serie de cartas nas que se visualizan distintos tipos de refugallos os participantes deben designar o contedor de destino.
Os monitores aproveitarán a conxuntura para recordar os materiais a depositar en cada recipiente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e verde convencional, para a fracción resto; sen esquecer que Arteixo dispón de contedores específicos para a materia orgánica.
Aínda que adaptado a educación primaria, o xogo permite o seu uso por alumnos de diferentes idades, constituíndo unha interesante forma de complementar e reforzar a información sobre xestión eficiente de residuos.
En todo caso, o obxectivo último deste recurso educativo, con excelente acollida nos centros educativos, é capacitar aos escolares para participar activamente no sistema de recollida selectiva e fomentar o reciclado, coa particularidade de que permite traballar noutros valores esenciais desde a dimensión educativa: o esforzo, a tolerancia, o traballo en equipo, a empatía, a solidariedade, o liderado, etc.
Saúdos, Departamento de Comunicación