- Tres réplicas circularán polos 25 centros escolares adscritos ao programa educativo “Recíclate con Sogama” 2018-2019 co obxectivo de poñer a proba, dunha forma lúdica e divertida, os coñecementos adquiridos polos pequenos na xestión sostible dos residuos urbanos.
- O taboleiro do xogo reproduce un campo de fútbol polo que os xogadores deben moverse e avanzar cara á portería contraria co propósito de marcar gol. Para isto teñen que superar unha serie de probas nas que darán conta de todo o aprendido no ámbito dos tres erres.
Cerceda, a 17 de xaneiro de 2019.- O xogo xigante “Un partido polo planeta” regresa ás aulas. En concreto farao aos 25 centros escolares de primaria que este curso académico 2018-2019 participan na sétima edición do programa educativo “Recíclate con Sogama”, cuxo obxectivo é instaurar a recollida selectiva de residuos nos colexios.
Trala dotación de medios materiais e didácticos, entre os que se poderían mencionar as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros cada un para separar distintas fraccións de refugallos, así como composteiros para materia orgánica e diversos recursos divulgativos (folletos, carteis, guías para o profesorado, presentacións e vídeos), a pretensión deste xogo é poñer a proba, dunha forma lúdica e divertida, os coñecementos ambientais adquiridos polos pequenos.
DINÁMICA
A fin de atender a todos os centros, ata o mes de xuño circularán polos mesmos tres réplicas do xogo, cuxo taboleiro reproduce un campo de fútbol polo que os xogadores deben moverse e avanzar cara á portería contraria co propósito de marcar gol. Para isto teñen que superar unha serie de probas que estarán vinculadas á xestión sostible dos residuos e que servirán ata para avaliar as destrezas dos pequenos nas boas prácticas relacionadas cos tres erres, isto é, redución en orixe, reutilización ou máximo aproveitamento dos produtos ata esgotar a súa vida útil, e a correcta separación de materiais por tipoloxías e posterior depósito dos mesmos nos contedores axeitados, propiciando desta forma o seu posterior reciclado.
MARCO DE REFERENCIA
O itinerario do xogo arranca precisamente cando os 25 centros adscritos a Recíclate con Sogama están recibindo charlas formativas presenciais impartidas por educadores desta empresa pública, os cales se encargarán igualmente de efectuar visitas periódicas de seguimento para tomar nota dos proxectos desenvolvidos polas escolas, resolver dúbidas e corrixir posibles erros.
Os colectivos escolares tamén terán a oportunidade de efectuar unha visita guiada ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer con detalle a súa operativa. Os seus traballos reflectiranse nunha memoria final que os centros deberán presentar a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e que serán avaliadas por representantes de Sogama e da propia Consellería de Educación.
Saúdos, Departamento de Comunicación