- Así se recolle no Panel de Cuantificación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, onde se asegura que o desperdicio alimentario nos fogares españois aumentou en 2018 nun 8,9%.
- Do volume total de alimentos refugados, 1.127 millóns de kg/l corresponden a produtos sen utilizar e 212 millóns a alimentos xa cociñados.
- O 81,5% dos fogares tira os produtos tal cal os compraron, sen sometelos a elaboración algunha. É o caso de froitas, hortalizas e verduras.
- Respecto dos pratos xa cociñados, os baseados en legumes, sopas, cremas e purés, así como os pratos con base de carne e de arroz son os que acaban con máis frecuencia no cubo de lixo.
Cerceda, a 25 de xuño de 2019.- Segundo datos do Panel de Cuantificación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o desperdicio alimentario nos fogares españois aumentou en 2018 nun 8,9%. Entre os meses de xaneiro e decembro refugáronse 1.339 millóns de kg/l de alimentos e bebidas, o que supón 109 millóns de kg/l máis que o ano anterior.
Dos datos recabados despréndese que, do volume total de alimentos refugados, 1.127 millóns de kg/l corresponden a produtos sen utilizar e 212 millóns a alimentos xa cociñados.
Todo apunta a que os fogares familiares de ata 49 anos, con nenos menores de 9 anos ou ben parellas sen fillos, son os que, de forma maioritaria, desperdician produtos sen utilizar, sobre todo froitas, hortalizas e verduras, cun 46%, seguidos dos derivados lácteos (13%). Con todo, diminuíu o desperdicio de pan (5%) e de peixe (2,3%).
Atendendo aos pratos xa cociñados, os baseados en legumes, sopas, cremas e purés, así como os pratos con base de carne e de arroz son os que acaban con máis frecuencia no cubo de lixo, desperdiciando en maior medida lentellas, ensalada verde e tortilla de pataca.
8 de cada 10 fogares recoñece tirar alimentos e bebidas ao lixo, e o 81,5% dos fogares tira os produtos tal cal os compraron, sen sometelos a elaboración algunha.
O DESPERDICIO ALIMENTARIO NO MAPA DE ESPAÑA
Por áreas xeográficas, Andalucía é a rexión que máis volume de produtos sen utilizar desperdicia, seguida do Levante, a área metropolitana de Madrid, noreste peninsular (Cataluña e Aragón), noroeste e centro peninsular, e Barcelona metropolitana.
No caso dos alimentos xa elaborados, tamén é Andalucía a rexión que máis volume desperdicia, situándose, tras esta, a área metropolitana madrileña, noroeste peninsular, Levante, norte-centro, noreste peninsular e Barcelona metropolitana.
A taxa total de desperdicio, é dicir, a proporción aproximada entre os alimentos refugados e o total de alimentos comprados, sitúase nun 4,6%, o que supón un incremento do 0,3% respecto de 2017.
Ao parecer, o aumento do desperdicio alimentario produciuse fundamentalmente polo repunte experimentado durante a primavera-verán de 2018, caracterizado polas altas temperaturas, cun incremento do 10,5%.
Reducir o desperdicio alimentario é unha preocupación a nivel internacional e un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, toda vez que un terzo da comida que se produce para o consumo humano acaba refugada por diversas circunstancias, sendo o fogar, cun 42%, o ámbito que máis contribúe a este fenómeno.
Fonte: Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación