
- Un informe da organización sinala que os signos inequívocos do cambio climático antropóxeno bateron todos os récords e algunhas das súas consecuencias serán irreversibles durante séculos ou mesmo milenios
Cerceda, a 21 de marzo de 2025.- Segundo un novo informe da OMM (Organización Meteorolóxica Mundial), os signos inequívocos do cambio climático antropóxeno bateron todos os récords en 2024 e algunhas das súas consecuencias serán irreversibles durante séculos ou mesmo milenios.
Confírmase así que 2024 foi, probablemente, o primeiro ano natural en superar en máis de 1,5 °C o valor de referencia da era preindustrial, dado que a temperatura media mundial estivo 1,55 ± 0,13 °C por riba da media do período 1850-1900. Trátase do máis cálido desde que empezaron a rexistrarse os valores de temperatura hai 175 anos.
Neste informe emblemático da OMM evidénciase que:
- A concentración atmosférica de dióxido de carbono (CO2) alcanzou os niveis máis altos dos últimos 800.000 anos;
- A escala mundial, foi un dos dez anos máis cálidos xamais rexistrados;
- O contido calorífico dos océanos marcou un novo máximo histórico en cada un dos últimos oito anos;
- As 18 extensións do xeo mariño ártico máis baixas das que se ten constancia producíronse nos últimos 18 anos;
- As tres extensións do xeo antártico máis reducidas tiveron lugar no últimos tres anos;
- A maior perda trienal de masa glaciar xamais rexistrada corresponde aos tres últimos anos;
- O ritmo de aumento do nivel do mar duplicouse desde que comezaron a realizarse medicións satelitales.
"Os sinais de socorro do noso planeta multiplícanse, pero neste informe demóstrase que aínda é posible limitar o aumento da temperatura mundial a longo prazo a 1,5 graos Celsius. Os líderes deben dar un paso adiante para logralo a través dos novos plans nacionais de acción climática que deben presentarse este ano, aproveitando para isto os beneficios que as enerxías renovables limpas e baratas reportan aos seus pobos e economías", declarou o Secretario Xeral de Nacións Unidas, António Guterres.
"Exceder nun ano concreto o limiar de quecemento de 1,5 °C non supón que sexa imposible alcanzar os obxectivos de limitación do aumento da temperatura a longo prazo establecidos en virtude do Acordo de París, pero é unha chamada de atención que nos advirte de crecentes riscos para as nosas vidas, para as nosas economías e para o planeta", afirmou a Secretaria Xeral da OMM, Celeste Saulo.
Desencadeantes
As temperaturas mundiais sen precedentes observadas en 2023, e cuxos valores se superaron en 2024, debéronse principalmente ao aumento continuo das emisións de gases de efecto invernadoiro, combinado coa transición dun episodio da Nena (que exerce un efecto de arrefriado) a un episodio do Niño (que exerce un efecto de quecemento). Non obstante, outros factores poden contribuír aos inesperados e inusuais incrementos bruscos da temperatura, como cambios no ciclo solar, unha erupción volcánica masiva e unha diminución dos aerosois que axudan a arrefriar a atmosfera.
Pero as temperaturas son só unha pequena parte dun escenario moito máis amplo. Ciclóns tropicais, crecidas, secas e outros perigos provocaron en 2024 o maior número de novos desprazados dos últimos 16 anos. Estes fenómenos contribuíron a agravar as crises alimentarias e ocasionaron cuantiosas perdas económicas.
O informe elaborouse a partir de contribucións científicas dos Servizos Meteorolóxicos e Hidrolóxicos Nacionais, os Centros Rexionais sobre o Clima da OMM, asociados das Nacións Unidas e decenas de expertos.
Fonte e imaxe: OMM