- Esta efeméride, ademais de erixirse nunha chamada á acción, marcou tamén o lanzamento formal do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas.
- A devastación causada pola pandemia da Covid-19 pode ofrecer unha oportunidade única para orientar os investimentos cara a unha “economía da restauración” capaz de xerar millóns de empregos verdes.
Cerceda, a 14 de xuño de 2021.- O Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado o pasado 5 de xuño, ademais de erixirse nunha chamada á acción, marcou tamén o lanzamento formal do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas, cuxo obxectivo é movilizar á poboación para previr, deter e reverter a súa degradación.
A devastación causada pola pandemia da Covid-19 pode ofrecer unha oportunidade única para orientar os investimentos cara a unha “economía da restauración” capaz de xerar millóns de empregos verdes.
No transcurso dunha gala virtual na que se inaugurou o Decenio da ONU, o seu secretario xeral, António Guterres, advertiu que poderiamos estar chegando ao “punto sen retorno para o planeta”, a medida que a humanidade arrasa os ecosistemas. Pero sinalou que aínda hai tempo para cambiar esta tendencia. “A tarefa é monumental. Necesitamos replantar e protexer os nosos bosques. Necesitamos limpar os nosos ríos e mares. E necesitamos reverdecer as nosas cidades. Lograr estas cousas non só salvagardará os recursos do planeta, senón que creará millóns de novos empregos para 2030 e axudará a eliminar a pobreza e a fame”, asegurou.
Desde Paquistán, que foi sede das celebracións en asociación co PNUMA, ata América e Europa, os eventos estendéronse por todo o mundo para abordar as prácticas insostibles. que están a alimentar a tripla crise planetaria do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.
Inger Andersen, directora executiva do PNUMA, que lidera o Decenio das Nacións Unidas, xunto coa FAO, asegurou que “A restauración dos ecosistemas por si soa non resolverá todos os nosos problemas; debemos impedir que se sigan destruíndo. Pero como? Reformando a agricultura, cambiando a forma en que construímos as nosas cidades, descarbonizando as nosas economías e movéndonos cara a modelos económicos circulares”.
A urxencia da restauración dos ecosistemas estableceuse de maneira moi clara no novo informe, #Únete a la GeneraciónRestauración, presentado polo PNUMA e os seus socios. No mesmo indícase que a degradación dos ecosistemas afecta o benestar de aproximadamente 3.200 millóns de persoas, ou 40% da poboación mundial, e que cada ano o mundo perde servizos dos ecosistemas por un valor de máis de 10% da produción económica mundial.
Se se detén o incremento da conversión dos ecosistemas naturais a outros usos, a restauración pode axudar a evitar o 60% das extincións de especies proxectadas, xerando tamén beneficios económicos e sociais.
O Día Mundial do Medio Ambiente erixiuse igualmente no marco dunha serie de compromisos políticos e financeiros dos gobernos.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente