- En 2017 xeráronse máis de 44 millóns de toneladas de residuos electrónicos e eléctricos, o que representa máis de 6 kilos por persoa; unha cantidade que equivalería, en peso, a todos os avións comerciais construídos ata a data.
- Se continúa a tendencia actual, estímase que a produción de refugallos electrónicos no mundo alcance os 120 millóns de toneladas para o ano 2050.
- Menos do 20% destes residuos recíclase e o 80% acaba en vertedoiros ou recuperados de forma ilegal en países en vías de desenvolvemento; unha mala práctica cun negativo impacto ambiental e para a saúde que, ademais, ocasiona unha perda significativa de materias primas, escasas e moi valiosas.
- Calcúlase que, na actualidade, ata un 7% do ouro mundial pode estar contido no lixo electrónico.
Cerceda, a 7 de febreiro de 2018.- Segundo un informe da Plataforma para Acelerar a Economía Circular (PACE) e a Coalición de Residuos Electrónicos das Nacións Unidas lanzado en Davos (Suíza) o pasado 24 de xaneiro, estímase que, se continúa a tendencia actual, a produción de refugallos electrónicos no mundo alcanzará os 120 millóns de toneladas para o ano 2050.
En 2017 producíronse máis de 44 millóns de toneladas de residuos electrónicos e eléctricos (RAEE), o que supón máis de 6 quilos por persoa; unha cantidade que equivalería, en peso, a todos os avións comerciais construídos ata a data.
Menos do 20% destes refugallos recíclase e o 80% acaba en vertedoiros, ocasionando un negativo impacto ambiental, ou recuperados de forma ilegal en países en vías de desenvolvemento; unha mala práctica que tamén pode afectar á propia saúde dos traballadores debido ao contido de sustancias tales como o mercurio, o plomo e o cadmio.
Ademais de todo isto, a incorrecta xestión deste lixo está a xerar unha perda significativa de materias primas, escasas e moi valiosas, como o ouro, o platino e o cobalto. De feito, calcúlase que ata un 7% do ouro mundial pode estar contido nos residuos electrónicos.
Neste escenario, PACE e a Coalición de Residuos Electrónicos das Nacións Unidas, incluíndo a ONU Medio Ambiente, o Fondo para o Medio Ambiente Mundial, o Foro Económico Mundial e o Consello Empresarial Mundial para o Desenvolvemento Sostible, piden unha revisión do sistema electrónico actual que tome como referencia o modelo de desenvolvemento definido pola economía circular na que se maximiza o aproveitamento dos produtos e os residuos son transformados en recursos, diminuíndo os impactos ambientais e creando ao mesmo tempo emprego verde.
SOLUCIÓNS CIRCULARES
Apóstase así polo deseño de produtos duradeiros, polos sistemas de recompra e devolución de produtos electrónicos usados, pola “minería urbana” para extraer metais e minerais de residuos electrónicos e pola “desmaterialización” de produtos electrónicos mediante o reemprazo da propiedade absoluta do dispositivo con modelos de aluguer e arrendamento co fin de maximizar as oportunidades de reutilización e reciclaxe.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación