- Argumenta que a destrución de espazos silvestres facilita a aparición de enfermidades zoonóticas, que a contaminación do aire reduce a calidade da saúde e a esperanza de vida, e que a perda de biodiversidade compromete o valor nutricional dos alimentos, á vez que diminúe o alcance e a eficacia dos medicamentos.
- Así mesmo, advirte que a contaminación ameaza a miles de millóns de persoas en todo o mundo e que o cambio climático presenta riscos adicionais para a saúde e a seguridade.
Cerceda, a 11 de maio de 2021.- A Organización Mundial da Saúde estima que o 23% de todas as mortes están vinculadas a “riscos ambientais” tales como a contaminación do aire, da auga e a exposición a sustancias químicas.
Estatísticas como esta son a razón pola cal o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas aprobou recentemente unha resolución a través da cal reafirma as obrigas dos Estados de protexer os dereitos humanos e tomar medidas máis contundentes de cara aos desafíos ambientais.
1. A destrución de espazos silvestres facilita a aparición de enfermidades zoonóticas.
A alteración da terra co fin de crear espazo para fogares, terras de cultivo e industrias puxo aos humanos nun contacto cada vez maior coa vida silvestre e creou oportunidades para que os patóxenos se propaguen dos animais salvaxes ás persoas. Estímase que 60% das infeccións humanas son de orixe animal.
2. A contaminación do aire reduce a calidade da saúde e a esperanza de vida.
Cada ano, ao redor de 7 millóns de persoas morren por mor de enfermidades e infeccións relacionadas coa contaminación do aire, máis de cinco veces o número de persoas que morren en accidentes de tráfico.
A exposición a contaminantes tamén pode afectar ao cerebro, ao provocar atrasos no desenvolvemento, problemas de comportamento e mesmo un coeficiente intelectual máis baixo nos nenos. Nas persoas maiores, os contaminantes están asociados coas enfermidades de Alzheimer e Parkinson.
3. A perda de biodiversidade compromete o valor nutricional dos alimentos.
Nos últimos 50 anos, as dietas humanas baséanse en 12 cultivos e 5 especies animais que proporcionan o 75% da inxesta enerxética mundial. Na actualidade, case una de cada tres persoas padece algunha forma de desnutrición e gran parte da poboación mundial vese afectada por enfermidades relacionadas coa dieta.
4. A perda de biodiversidade tamén reduce o alcance e a eficacia dos medicamentos.
Os produtos naturais representan unha gran parte das sustancias farmacéuticas existentes, pero as estimacións suxiren que 15.000 especies de plantas mediciñais están en risco de extinción.
5. A contaminación está a ameazar a miles de millóns de persoas en todo o mundo.
Importantes problemas de saúde xorden da contaminación e da idea de que os refugallos se poden “tirar” cando, de feito, moitos deles permanecen nos ecosistemas, o que afecta tanto á saúde humana como ao medio ambiente.
A auga contaminada por refugallos, as augas residuais non tratadas, as escorrentías agrícolas e as descargas industriais poñen a 1.800 millóns de persoas en risco de contraer distintas enfermidades.
Así mesmo, un conxunto de evidencias cada vez máis contundentes suxire que existe un motivo de preocupación sobre o impacto dos microplásticos na vida mariña e a rede alimentaria.
6. O cambio climático presenta riscos adicionais para a saúde e a seguridade.
A última década foi a máis calorosa na historia da humanidade e xa se están experimentando os efectos do cambio climático a través de fenómenos que ameazan vidas, medios de subsistencia e a seguridade alimentaria. O cambio climático tamén afecta á supervivencia dos microbios, facilitando a propagación dos virus.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels