- A xuízo do Secretario Executivo de ONU Cambio Climático, a acción polo clima «é un investimento, non un gasto» para incrementar «a resiliencia e protexer as comunidades, as economías, as cadeas de subministración e a rendibilidade das empresas»
Cerceda, a 29 de xullo de 2024.- O Secretario Executivo de ONU Cambio Climático, Simon Stiell, lanzou un chamamento aos gobernos de todo o mundo para que volvan a dar prioridade á acción polo clima nas súas axendas co fin de facer fronte aos efectos da crise climática. De non ser así “todas as economías e 8.000 millóns de persoas enfrontaranse a este mesmo trauma de maneira continuada”, advertiu.
Como exemplos recentes puxo as desfeitas causadas polo furacán Beryl en Carriacou, a illa caribeña dependente do Estado de Granada, onde o 98% dos edificios foron arrasados, do mesmo xeito que as ondas de calor na India que «só no último mes causaron un número de mortos de catro cifras» ou os máis de mil peregrinos musulmáns mortos este ano no seu camiño á Meca.
Segundo Steill, as tormentas «nunca foron tan potentes nin tan frecuentes; as inundacións, tan repentinas e destrutivas; e os incendios e secas, tan devastadores e custosos» a curto e a longo prazo, polo que os «colosais custos climáticos» alcanzaron o nivel de «grave ameaza para a seguridade nacional de todos os países».
O custo da inacción
O Secretario Executivo da ONU fixo referencia a un informe recente segundo o cal só a factura económica da inacción climática aumentaría ata os 38 billóns de dólares anuais de aquí a 2050, mentres que a acción climática custaría menos dunha sexta parte desa cifra.
Tras insistir en que «os países do G20 son responsables do 80 % da contaminación por gases de efecto invernadoiro» e, polo tanto, «deben marcar o camiño con novos plans nacionais de acción climática», previstos para principios do ano próximo, pediu a todos os gobernos do planeta que «cumpran a promesa que fixeron o ano pasado de abandonar todos os combustibles fósiles».
O primeiro obxectivo, precisou, é diminuír o seu uso á metade este mesmo decenio para evitar que os custos climáticos actúen como «unha bola de demolición económica» con problemas como «a redución da produción mundial de alimentos» ou a «subida de prezos e outros custos da vida».
A acción polo clima, apuntou Stiell, «é un investimento, non un gasto» para incrementar «a resiliencia e protexer as comunidades, as economías, as cadeas de subministración e a rendibilidade das empresas».
Nese sentido, «a ONU traballa a contrarreloxo» cunha «determinación inquebrantable» e co obxectivo de «acordar accións máis audaces e medidas prácticas clave sobre o terreo, como a estensión dos Sistemas de Alerta Temperá a toda a poboación do planeta», engadiu.
Fonte: InfoSOS
Imaxe: Pixabay