- Entre as mesmas figuran a protección da natureza, o investimento en servizos esenciais, unha transición enerxética rápida e saudable, e a promoción de sistemas alimentarios sostibles e de cidades habitables.
Cerceda, a 17 de xuño de 2020.- Tomando como referencia as experiencias e aprendizaxes derivadas da pandemia do COVID-19, voces expertas suxiren que, malia os seus efectos devastadores, esta crise pode representar tamén unha oportunidadepara construír un mundo mellor.
Co apoio de millóns de profesionais do ámbito da saúde, Nacións Unidas fíxose eco dunhas sinxelas recomendaciónss:
- Protexer e preservar a natureza como fonte de saúde. A presión humana sobre o medio natural (desde a deforestación ata as prácticas agrícolas intensivas e contaminantes) socavan os servizos que nos presta a natureza e aumentan tamén o risco de enfermidades infecciosas emerxentes en humanos, das cales máis do 60% teñen a súa orixe en animais. Urge, xa que logo, diminuír o noso impacto no medio ambiente.
- Investir en servizos esenciais. Os patóxenos resistentes aos antimicrobianos están moi estendidos na auga e os residuos, e necesítase unha xestión axeitada para evitar a propagación aos humanos.
- Asegurar unha transición enerxética rápida e saudable. Actualmente, máis de sete millóns de persoas ao ano morren por exposición á contaminación do aire (1 de cada 8 mortes no mundo).
Varios países puxeron o desenvolvemento verde, xunto coa saúde, no corazón das súas estratexias de recuperación de COVID-19. Unha rápida transición global cara á enerxía limpa non só cumpriría co obxectivo do acordo climático de París de manter o quecemento por baixo dos 2°C, senón que tamén melloraría a calidade do aire.
- Promover sistemas alimentarios saudables e sostibles. As enfermidades causadas pola falta de acceso aos alimentos ou polo consumo de dietas pouco saudables e altas en calorías son agora a principal causa de problemas de saúde a nivel mundial.
O cambio no uso da terra é o principal impulsor ambiental dos novos brotes de enfermidades.
- Construír cidades saudables e habitables. Máis da metade da poboación mundial vive agora en cidades que son responsables de máis do 60% da actividade económica e as emisións de gases de efecto invernadoiro. Camiñar, utilizar o transporte público ou a bicicleta constitúen prácticas de mobilidad sostible con importantes vantaxes.
Moitas das urbes máis grandes e dinámicas do mundo reaccionaron á crise de COVID-19 ao peatonalizar as rúas e expandir as ciclovías de forma masiva, permitindo o transporte con distancia física durante a crise e a mellora da actividade económica e calidade de vida.
Fonte: Nacións Unidas
Imaxe: Pixabay