Noticias
Opta por unhas rebaixas sostibles: máis consumo responsable e menos residuos
- Sogama proporciona para isto seis tips básicos: poñer un tope de gasto, facer unha lista do que se necesita, dar unha segunda oportunidade á roupa, primar a calidade sobre a cantidade, elixir marcas sostibles, contrastar os datos das etiquetas e priorizar o comercio local
Cerceda, a 9 de xaneiro de 2025.- Logo do período do Nadal, as rebaixas regresan con forza aos establecementos comerciais e os consumidores, moitas veces sen un propósito claro e atraídos por grandes ofertas e descontos, acaban adquirindo produtos que non precisan e que, máis pronto que tarde, acaban no cubo do lixo.
Ademais de velar polo noso peto, tamén en época de rebaixas é necesario actuar con responsabilidade ambiental e minimizar a nosa pegada ecolóxica. A produción de artigos esixe grandes consumos de materias primas e enerxía, recursos limitados que debemos preservar mediante unha verdadeira economía circular.
Seis tips básicos para consumir de forma responsable en rebaixas:
- Ponte un tope de gasto e fai unha lista do que verdadeiramente necesitas, ceñíndote á mesma. Prioriza cousas de utilidade, duradeiras e atemporais, que non pasen de moda.
- Dá unha segunda oportunidade á túa roupa. Revisa o armario e rescata as prendas esquecidas. Con pequenos arranxos e complementos, seguro que parecerán novas. Outra opción é vender o que xa non utilices e que estea en bo estado.
- Prima a calidade sobre a cantidade. Evita o consumo de moda rápida, que ten un gran impacto ambiental, e dá preferencia a básicos que poidas combinar facilmente e utilizar en diferentes eventos.
- Elixe marcas sostibles e comprometidas co planeta e a sociedade. É unha forma de achegar o teu gran de area a sistemas de produción responsables desde o punto de vista ambiental, económico e social.
- Mira as etiquetas dos artigos e cotexa os datos que figuran nas mesmas para comprobar se na súa produción se respectaron os dereitos dos traballadores, se se utilizou man de obra infantil ou se son responsables coa contorna.
- Aposta polo comercio local. Contribuirás á economía da túa zona e á redución das emisións de CO2 derivadas do transporte.
Saúdos, Departamento de Comunicación