- Sogama entregou ao concello 50 novos composteiros, que se suman ás partidas anteriores, facendo un total de 197 recipientes subministrados ata o de agora.
- Se ben a autocompostaxe constitúe unha tradición no rural galego, o composteiro posibilita que o usuario poida levar a cabo o seu labor dunha forma máis cómoda e hixiénica.
- Trátase, en todo caso, dun proceso con importantes vantaxes ambientais e sociais, e a través do cal se obtén un abono natural de alta calidade para ser aplicado ao solo con garantías.
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2020.- Preto de 200 familias participantes. Este é o balance do programa de compostaxe doméstica que o concello de Ordes (A Coruña) leva a cabo co apoio de Sogama.
A petición do ente local, esta empresa pública subministrou ao municipio 50 novos composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que se suman ás partidas anteriores, facendo un total de 197 recipientes repartidos.
Se ben a autocompostaxe constitúe unha tradición no rural galego, o composteiro posibilita que o usuario poida levar a cabo o seu labor dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Ordes avanza así cara á recuperación da materia orgánica en orixe, un proceso que trae consigo importantes beneficios ambientais e sociais, toda vez que a reciclaxe desta fracción lévase a cabo in situ, é dicir, no propio fogar, evitando que os restos orgánicos, que veñen a representar en torno ao 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo, se arroxen ao contedor verde convencional.
TODO VANTAXES
Esta circunstancia propicia que o concello entregue menos lixo a Sogama para o seu tratamento final, coa particularidade de que o compost obtido nas vivendas unifamiliares presenta una excelente calidade e actúa como fertilizante natural que aporta nutrientes ao solo, á vez que o protexe fronte a posibles pragas e enfermidades.
Así mesmo, diversas experiencias indican que a segregación dos residuos orgánicos propicia unha mellor separación do resto dos materiais, incrementando desta forma a achega dos cidadáns á reciclaxe.
FORMACIÓN E SEGUIMIENTO
Os veciños teñen a súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, a través do cal poderán acceder a información de interese sobre esta iniciativa e enriquecer os seus coñecementos con diversos recursos didácticos e divulgativos tales como xogos, vídeos e guías.
Persoal ao servizo do concello será o encargado de facer un seguimento do proxecto para garantir o éxito do mesmo e propiciar desta forma unha xestión máis sostible dos refugallos producidos na localidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación