- Así se recolle no informe elaborado polo Centro Internacional de Tecnoloxía Ambiental e que foi difundido como manual para impulsar a recuperación enerxética da parte non reciclable e limitar o uso desmedido do vertedoiro.
- O documento pon tamén de relevo que os países máis avanzados someten a valorización enerxética entre o 25 e o 30% dos residuos, un tratamento que lles permite obter recursos de gran valor (calor e electricidade) e dos que se poden beneficiar as comunidades veciñas.
- Aeversu defende en España un cambio de modelo de xestión de residuos que permita reducir o uso do vertedoiro, complementando a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) coa recuperación enerxética da fracción non reciclable.
- O presidente da Asociación, Rafael Guinea, manifestou ao respecto a necesidade de “multiplicar por dous o 12% actual de valorización enerxética para alcanzar o 25%, porcentaxe mínima ao que chegan os países máis desenvolvidos”.
Cerceda, a 12 de setembro de 2019.- No marco da xestión xerarquizada de residuos proposta pola Unión Europea, a Organización das Nacións Unidas (ONU) recoñeceu a importancia da actividade das plantas de valorización enerxética, así como o papel fundamental que estas desempeñan na xestión sostible dos residuos desde a dimensión ambiental, económica e social.
Este posicionamento recóllese no informe elaborado polo Centro Internacional de Tecnoloxía Ambiental da ONU e que foi difundido como manual para analizar e impulsar a recuperación enerxética da parte non reciclable dos residuos en todo o mundo, dada a súa capacidade para reducir, ata nun 90%, a inxente cantidade de refugallos que aínda acaban depositados en vertedoiro, a peor das opcións dado o seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
O documento tamén pon de relevo que os países máis avanzados do mundo someten a valorización enerxética entre o 25 e o 30% dos residuos, un tratamento que lles permite obter recursos de gran valor (calor e electricidade) dos que se poden beneficiar as comunidades veciñas.
Europa conta con máis de 500 plantas de valorización enerxética, emprazadas na súa maioría nos Estados máis desenvolvidos e respectuosos coa contorna e, actualmente, máis de 200 instalacións destas características atópanse en construción en todo o mundo.
Dado que os vertedoiros emiten 19 veces máis CO2 que as plantas de valorización enerxética, resulta evidente que estas últimas contribúen en gran medida á diminución dos gases de efecto invernadoiro.
EN LIÑA COS PAÍSES MÁIS AVANZADOS
A Asociación de Empresas de Valorización Enerxética (Aeversu), da que forma parte SOGAMA, comparte plenamente coa ONU a necesidade de priorizar a aplicación da estratexia comunitaria dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), debendo ser complementadas coa recuperación enerxética da fracción non reciclable. Só así se poderá reducir o vertido a mínimos.
Isto é posible grazas ás actuais plantas de recuperación enerxética, caracterizadas pola súa modernidade, robustez e a súa firme aposta pola innovación tecnolóxica, reunindo as condicións máis favorables para que os residuos sexan tratados con absolutas garantías e postos en valor, limitando desta forma o consumo dos xa escasos e limitados recursos.
Así as cousas, Aeversu defende en España un cambio de modelo de xestión de residuos para reducir o uso do vertedoiro. O seu presidente, Rafael Guinea, manifestou ao respecto a necesidade de “incrementar a reutilización e a reciclaxe, así como multiplicar por dous o 12% actual de valorización enerxética para alcanzar o 25%, porcentaxe mínima á que chegan os países máis desenvolvidos”.
SOBRE AVERSU
É unha agrupación de empresas que transforman os residuos urbanos non reciclables en enerxía mediante a valorización enerxética, dando emprego actualmente a máis de 2.500 persoas.
A Asociación está adscrita a CEWEP (Confederación de Plantas Europeas de Residuos de Enerxía), que agrupa aos operadores de plantas de residuos de enerxía, representados en 490 plantas de 22 países, sendo o seu cometido contribuír á lexislación europea sobre medio ambiente e enerxía.
Fonte: Aeversu. Máis información en aeversu.org
Saúdos, Departamento de Comunicación