- Temen que os esforzos en materia de deseño ecolóxico do Centro Común de Investigación da UE se centre unicamente na roupa
- Ao seu xuízo, o desenvolvemento de requisitos de ecodeseño para o calzado podería mellorar a súa durabilidade e reciclabilidade e, polo tanto, reducir significativamente o seu impacto ambiental
Cerceda, a 14 de xaneiro de 2025.-A complexa composición do calzado -a miúdo formado por materiais difíciles de separar ou que aínda non poden recuperarse- expón importantes dificultades para a súa reciclaxe, dando lugar á xeración de grandes cantidades de residuos.
Así mesmo, o calzado adoita refugarse moito antes do que sería razoable e necesario desde unha perspectiva ambiental debido á falta de información sobre os materiais e a reparabilidade, así como ao baixo nivel de concienciación dos consumidores.
A xuízo de distintas organizacións ambientais, o desenvolvemento de requisitos de ecodeseño para o calzado podería mellorar a súa durabilidade e reciclabilidade e, polo tanto, reducir significativamente o seu impacto ambiental. Aínda que celebran que o calzado figure no Regulamento sobre ecodeseño de produtos sostibles (ESPR), lamentan que o Centro Común de Investigación traballe actualmente nun estudo preliminar centrado unicamente na roupa.
Se ben admiten que o calzado difire doutros produtos téxtiles en canto a función e materiais, destacan que este sector ten un tamaño de mercado cun valor de consumo de máis de 26.000 millóns de euros na UE. É por isto que as entidades asinantes dunha carta aberta pediron á Comisión Europea que inclúa o calzado como grupo de produtos prioritarios no plan de traballo do ESPR, e que poña en marcha canto antes un estudo preliminar sobre os requisitos de ecodeseño para o calzado, ademais do que está actualmente en curso para as pezas de vestir.
O primeiro fito do estudo preparatorio para o sector téxtil sinala que, ata o de agora, se investigou moi pouco sobre a reparabilidade e reciclabilidade do calzado, así como sobre a súa vida útil e a xestión ao final desta, e advirten que a exclusión do calzado do desenvolvemento de requisitos de deseño ecolóxico tamén podería dar lugar a incoherencias cos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP) previstos no Directiva Marco de Residuos.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay