- Así quedou patente no simposio internacional celebrado en París o pasado 22 de marzo e organizado pola FAO, a UNESCO e o goberno francés durante o evento gastronómico “Gout France”.
- José Graziano da Silva manifestou que é necesario educar e inspirar á xente para que adopte dietas saudables, sinalando aos chefs como actores de peso capaces de moldear a opinión pública e influír no comportamento dos consumidores.
- O encontro foi aproveitado para presentar unha publicación que, baixo o título “Os chefs como axentes de cambio”, pon de relevo a capacidade destes para promocionar unha alimentación equilibrada e culturalmente diversificada.
Cerceda, a 4 de abril de 2019.- Os chefs poden desempeñar un papel clave na promoción de dietas saudables e equilibradas, e na concienciación da poboación respecto do desperdicio alimentario, servindo de fonte de inspiración.
Así quedou patente no simposio internacional celebrado en París o pasado 22 de marzo e organizado pola FAO, a UNESCO e o goberno francés durante o evento gastronómico “Gout France”.
O director xeral da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, José Graziano da Silva, manifestou que é necesario educar e inspirar á xente para que adopte dietas saudables e, dado que a gastronomía suscita cada vez máis interese, os chefs atópanse entre os actores que poden moldear a opinión pública e influír no comportamento dos consumidores.
Pola súa banda, a directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, aludiu á dimensión económica, social e cultural da alimentación como legado que se transmite de xeración en xeración e se comparte entre as comunidades, creando lazos e aumentando a curiosidade intercultural entre os países.
O encontro foi aproveitado para presentar unha publicación que, baixo o título “Os chefs como axentes de cambio”, pon de relevo o seu papel e capacidade para promocionar unha alimentación equilibrada e culturalmente diversificada, pois, a día de hoxe, son moitos os cociñeiros que promoven a cociña vinculada á cultura local, así como ao consumo de alimentos frescos, impulsando tamén movementos para combater o desperdicio alimentario.
A obesidade é unha das principais pandemias a nivel mundial, consecuencia de dietas pouco ortodoxas. Estímase que máis de 2.000 millóns de persoas teñen sobrepeso, incluíndo a uns 670 millóns que son obesas.
Neste sentido, Graziano da Silva advertiu que “co aumento da obesidade, os nosos sistemas alimentarios deben cambiar e pasar de alimentar ás persoas a nutrilas con alimentos sans e nutritivos”, debendo avanzar cara á transformación dos sistemas alimentarios.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación