- Sogama móstrase convencida de que o traballo en equipo, entre a propia entidade, concellos e cidadáns, debe ir a máis para que a nosa comunidade transite con firmeza cara ao modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.
- Mentres que 741 persoas tiveron a oportunidade de visitar o Complexo Medioambiental de Cerceda e recibir previamente unha clase sobre xestión sostible de residuos, outras 431 asistiron a charlas externas coas que puideron incrementar os seus coñecementos na materia e resolver todas as súas dúbidas.
Cerceda, a 10 de marzo de 2020.- A formación presencial, tanto a través do programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda como mediante a impartición de xornadas, cursos e sesións en concellos, centros educativos e colectivos sociais, vén concentrando o esforzo educativo de Sogama, dados os seus excelentes resultados.
A culminación da ampliación do complexo cercedense coa incorporación dunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, así como a remodelación da antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, reforzou aínda máis o programa pedagóxico de Sogama. Porque, se ben a incorporación das tecnoloxías propias da industria 4.0 permitirá a esta empresa pública incrementar a súa achega á reciclaxe, resulta esencial que, de forma paralela, os cidadáns intensifiquen a súa colaboración no sistema a través da adopción de boas prácticas: consumo responsable, redución da xeración de refugallos, reutilización de obxectos fóra de uso para alongar a súa vida útil e segregación dos residuos en orixe para propiciar o seu reciclado, previo depósito dos mesmos nos contedores correspondentes.
Trátase dun traballo en equipo que debe ir a máis para que a nosa comunidade transite con firmeza cara ao modelo de desenvolvemento definido pola economía circular e se abandone o xa caduco e obsoleto sistema lineal de usar e tirar.
Mentres que 741 persoas tiveron a oportunidade de visitar o Complexo Medioambiental de Cerceda e recibir previamente unha clase sobre xestión sostible de residuos, outras 431 asistiron a charlas externas coas que puideron incrementar os seus coñecementos na materia e resolver todas as súas dúbidas.
A recollida selectiva e a compostaxe doméstica centraron en boa medida o interese dos asistentes a estes encontros. Lograr un compost de calidade a través da reciclaxe da materia orgánica constitúe tamén un obxectivo para os cidadáns, dadas as súas bondades ambientais, económicas e sociais.
Saúdos, Departamento de Comunicación