- Durante a terceira visita de seguimento, persoal ao servizo desta empresa pública realizou as caracterizacións dos tres contedores que conforman as illas de reciclaxe (amarelo, azul e verde) a fin de comprobar a calidade do material depositado nos mesmos.
- O alumnado demostrou a súa capacidade para segregar correctamente os refugallos en orixe e depositalos no recipiente correspondente, estando preparado para levar a cabo unha tarefa educativa na súa contorna familiar e social.
Cerceda, a 28 de maio de 2021.- Persoal de Sogama realizou a terceira visita de seguimento aos centros escolares de primaria das catro provincias galegas que participan no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2020-2021, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Trala dotación de medios materiais e didácticos durante o primeiro trimestre do curso académico e as sesións formativas impartidas no segundo, nesta última fase fíxose unha análise do labor desenvolvido en cada centro, apoiado polas caracterizacións dos tres contedores que conforman as illas de reciclaxe (amarelo, azul e verde) a fin de comprobar o grao de acerto ou desacerto á hora de depositar os residuos nos mesmos.
En todos os casos constatouse o elevado nivel de coñecemento co que conta o alumnado, que demostrou a súa capacidade para segregar correctamente os refugallos en orixe e depositalos no recipiente correspondente, estando preparado para levar a cabo unha tarefa educativa na súa contorna familiar e social.
O contedor que orixina maior confusión continúa a ser o amarelo, sobre todo pola tendencia a introducir no mesmo plásticos que non son envases nin envoltorios. Ao respecto, cabe lembrar que este recipiente está destinado a acoller os envases de plástico, as latas e os briks.
No caso do contedor azul, houbo algún erro moi puntual ao considerar que neste tamén se deben depositarse os panos de mesa e panos de papel usados, cando o destino destes materiais é o contedor verde da fracción resto.
Os centros que dispoñen de servizo de comedor, ou ben xeran unha cantidade importante de refugallos orgánicos procedentes das merendas, e contan con terreo, recibiron no seu momento, tamén da man de Sogama, un composteiro para a elaboración de compost, que logo aplican na súa horta e/ou xardín ao tratarse dun abono natural de alta calidade; un proceso que mesmo lles serve como clase práctica na que se involucran plenamente.
AVALIACIÓN FINAL
Os datos resultantes das mostraxes constitúen un dos parámetros que se terán en conta á hora de avaliar de forma global o traballo desenvolvido nos colexios, tendo en conta outros aspectos tales como a implicación e receptividade de docentes e escolares nas actividades, tanto presenciais como virtuais, promovidas por Sogama e a materialización de accións nas que se implicou ás familias do alumnado e/ou aos concellos a fin de reforzar e amplificar as boas prácticas na xestión sostible dos residuos urbanos.
Relación de centros participantes na presente edición:
- 3 da provincia de Lugo: CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove; CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos; e CEIP Plurilingüe do Corgo.
- 5 da provincia de Pontevedra: CEIP Plurilingüe A Florida, de Sanxenxo; CEIP de Vilaxoán, de Vilagarcía de Arousa; CEIP Antonio Carpintero, de Arbo; CEP Altamira, de Salceda de Caselas; e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.
- 1 de Ourense: CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense cidade.
- 1 da provincia da Coruña: CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.
Saúdos, Departamento de Comunicación