- Participan nunha campaña promovida por Sogama baixo o lema “Corta polo san! Reduce residuos”, a través da cal a Sociedade pretende divulgar as boas prácticas vinculadas á menor xeración de residuos.
- Así, mañá, 18 de novembro, educadores ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente impartirán sendas xornadas formativas en ambas as dúas localidades dirixidas á veciñanza en xeral: ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Laracha e, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Cabanas.
- No transcurso das mesmas proporcionaranse aos asistentes as pautas para consumir de forma responsable e minimizar a xeración de lixo a través das compras a granel, co menor envase e embalaxe posible e prestando atención á diminución do desperdicio alimentario.
- A valorización da materia orgánica tamén cobrará protagonismo. Ambos concellos están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama e, adicionalmente, Laracha será un dos primeiros en implantar a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor marrón.
Cerceda, a 17 de novembro de 2019.- Os concellos coruñeses de Laracha e Cabanas decidiron participar na Semana Europea da Prevención de Residuos, que deu comezo onte,16 de novembro, e estenderase ata o próximo 24, co fin de dar continuidade aos seus respectivos programas educativos e de concienciación social na correcta xestión dos residuos urbanos.
Con tal fin, sumáronse á campaña que Sogama despregou no marco desta iniciativa europea e que leva por título “Corta polo san! Reduce Residuos”. o seu obxectivo non é outro que inculcar na cidadanía as boas prácticas en torno ao consumo responsable, consciente e informado, e á menor xeración de residuos, rexeitando todo o superfluo e priorizando o necesario.
Así, mañá, día 18, os educadores da Sociedade Galega do Medio Ambiente desprazaranse a ambos os dous municipios para impartir sendas sesións formativas dirixidas á veciñanza en xeral.
A de Laracha terá lugar na Casa da Cultura, ás 11:00 horas, e a de Cabanas, no Salón de Plenos da Casa do Concello, ás 19:00 horas.
Falarase de compras sostibles nas que se deben priorizar os produtos a granel e co menor envase e embalaxe posible, á vez que se proporcionarán as claves para diminuír o desperdicio alimentario, toda vez que no mundo refúgase un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano.
Exporanse sinxelas pautas para minimizar esta problemática: facer unha lista da compra, revisar a despensa e a neveira para dar saída aos produtos máis antigos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente (a primeira indica o momento a partir do cal un produto pode ser perigoso para a saúde e a segunda a data a partir da cal o produto pode perder propiedades tales como sabor, olor e textura, pero sin representar unha ameaza para a saúde), facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, que teñen as mesmas propiedades nutritivas que os guapos, axustar as cantidades ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
CARA Á VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA
E, para o desperdicio alimentario non comestible e restos vexetais, a compostaxe constitúe unha magnífica opción. De feito, tanto Laracha como Cabanas están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, o que quere dicir que distintas vivendas unifamiliares de ambas localidades, que dispoñen de terreo, xa están compostando os restos orgánicos e, polo tanto, pechando o círculo de aproveitamento dos mesmos ao devolvelos á terra en forma de nutrientes.
Adicionalmente, cabe recordar que Laracha, xunto co concello veciño de Carballo, serán os dous primeiros municipios en implantar a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor marrón. Xa teñen en marcha unha campaña formativa e divulgativa, prevendo que, a principios do próximo ano, poidan empezar a entregar a materia orgánica recollida a través destes novos recipientes na planta de compostaxe industrial de Sogama, dando así cumprimento ás directrices europeas en materia de residuos.
Redución, reutilización, reciclaxe e compostaxe constitúen, por esta orde, as prioridades de Laracha e Cabanas na xestión sostible dos residuos, que complementan coa valorización enerxética, no Complexo Medioambiental de Sogama, da parte non reciclable a fin de evitar o seu vertido, a peor das opcións polo seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde pública.
Saúdos, Departamento de Comunicación