- Ambos adheríronse recentemente ao programa de compostaxe doméstica liderado por esta empresa pública en Galicia: Santa Comba, con 50 vivendas, e A Baña, con 30.
- Unha vez culminado o proceso de selección dos veciños participantes, que deben habitar en vivendas unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante, Sogama impartirá cursos de formación en ambos os dous municipios.
- A implantación da autoxestión da materia orgánica trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para os entes locais.
Cerceda, a 28 de xuño de 2021.- Os concellos de Santa Comba e A Baña sumáronse ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia. Con tal fin, e atendendo ás peticións de ambos os dous entes locais, a empresa pública remitiulles, de forma gratuíta, un total de 80 composteiros (50 a Santa Comba e 30 a A Baña).
Os recipientes, con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e a súa función é facer máis cómodo e eficiente o proceso de autoxestión da materia orgánica en orixe. Desta forma, recupérase unha práctica tradicional no rural galego, pero valéndose dun recipiente deseñado especificamente para esta funcionalidade e que propicia un mecanismo máis eficiente, cómodo e hixiénico.
Unha vez culminada a fase de selección dos veciños participantes, que en todo caso deben residir en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (xardín, horta ou terras de cutivo) no que aplicar o compost resultante e pechar así o círculo de recuperación da materia orgánica, Sogama impartirá nestas localidades cursos de formación para explicar aos usuarios a técnica a aplicar, onde emprazar o composteiro, e que se debe e que non se debe depositar no mesmo, salientando a importancia que ten o control de parámetros crave para obter un compost de alta calidade: osíxeno, temperatura e humidade.
Os concellos son os encargados de realizar un seguimento do programa e, tras un ano en vigor, deben enviar o correspondente informe a Sogama, no que detallarán a acollida desta iniciativa por parte da veciñanza, o grao de satisfacción coa mesma, os erros máis comúns, as dúbidas máis frecuentes, etc.
VANTAXES DA AUTOXESTIÓN DA MATERIA ORGÁNICA
A implantación da compostaxe doméstica trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para os entes locais.
Desde a dimensión ambiental, a reciclaxe da materia orgánica en orixe permite diminuír a cantidade de residuos destinada ao contedor verde convencional (bolsa negra) e, por tanto, a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais.
Desde a económica, ao entregar menos refugallos a Sogama, tamén se minora o importe da factura que os concellos deben pagar á compañía.
E, desde a perspectiva social, redúcense os desprazamentos que a poboación, moi dispersa no rural, debe realizar aos contedores, xa que os envases lixeiros, o papel/cartón e o vidro poden almacenarse varios días nos fogares sen risco de cheiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación