- Desta forma serán un total de 217 vivendas de ambas as dúas localidades as que participen nesta iniciativa da man de Sogama, quen subministrou os composteiros de forma gratuíta.
- Os recipientes, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, posibilitan que o proceso de reciclaxe da materia orgánica se leve a cabo dunha forma máis cómoda e hixiénica.
- O persoal de ambos concellos será o encargado de facer seguimento desta iniciativa a fin de supervisar a técnica, corrixir posibles erros cometidos polos usuarios e resolver as súas dúbidas.
Cerceda, a 10 de decembro de 2019.- Os concellos lucenses de Lourenzá e O Saviñao decidiron estender os seus respectivos programas de compostaxe doméstica a novas familias co fin de fomentar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e propiciar desta forma a consecución dos beneficios ambientais e sociais que esta práctica trae consigo.
Se ben a segregación dos restos orgánicos, para alimento do gando e/ou elaboración de compost, constitúe unha operativa habitual no rural galego, o certo é que o composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, posibilita que o proceso se desenvolva dunha forma máis cómoda e hixiénica, requirindo que os veciños participantes leven a cabo un control de parámetros tan relevantes como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
No caso de Lourenzá, Sogama entregou ao municipio 20 novos composteiros, que se suman ás partidas anteriores, facendo un total de 142 recipientes. En O Saviñao, a partida ascendeu a 25, facendo un total de 75 unidades. Isto quere dicir que 217 familias de ambas localidades xa participan activamente nesta iniciativa mediante a transformación dos restos orgánicos en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para as súas hortas e xardíns.
É por isto que se esixe que as vivendas adscritas ao programa conten con terreo no que aplicar o compost resultante, pechando o ciclo de recuperación da materia orgánica, que regresa ao solo en forma de nutrientes.
O persoal de ambos concellos será o encargado de facer o seguimento a fin de supervisar a técnica, corrixir posibles erros cometidos polos usuarios e resolver as súas dúbidas. Non obstante, estes tamén teñen a súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal a través do cal poderán ampliar e reforzar os seus coñecementos, contando para isto con recursos de interese tales como guías, manuais, vídeos e xogos.
Saúdos, Departamento de Comunicación