- A empresa pública enviou novas partidas de composteiros a ambos os dous municipios co fin de que cada vez sexan máis os fogares participantes nesta iniciativa, dada a súa contribución á economía circular
Cerceda, a 5 de setembro de 2024.- Os concellos ourensáns de Allariz e Xunqueira de Espadañedo ampliaron os seus respectivos programas de compostaxe doméstica coa axuda de Sogama, quen lles remitiu novas partidas de composteiros para que cada vez sexan máis as familias que poidan autoxestionar os seus residuos orgánicos.
Allariz conta xa con 25 novos recipientes que, sumados a outras entregas realizadas por esta empresa pública, fan un total de 211. Pola súa banda, Xunqueira de Espadañedo solicitou 8, que se engaden aos 5 subministrados no seu momento pola Deputación de Ourense, no marco dun convenio formalizado con Sogama para promover a autocompostaxe en distintos municipios da provincia.
Os composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, constitúen unha gran axuda no proceso de transformación da materia orgánica en compost, facéndoo máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Transcorrido un ano, os dous entes locais deberán entregar a Sogama un informe de seguimento no que se dea conta do traballo realizado, observacións dos usuarios, posibles melloras, etc.
Os interesados poderán complementar os seus coñecementos a través dun microsite, aloxado na páxina web de Sogama, https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/ no que se explica a técnica a seguir, a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no composteiro, o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, e como recoñecer un compost de boa calidade, entre outras cuestións.
Saúdos, Departamento de Comunicación