- Así se recolle nun informe presentado por Forética e GlobeScan, elaborado para axudar ás empresas para comprender e responder ás preferencias e comportamentos cambiantes dos consumidores relacionados cunha vida saudable e sostible en 31 países
- As certificacións e a etiquetaxe, os envases fabricados con materiais reciclados ou reciclables, así coma os materiais e ingredientes, son as tres formas principais en que os consumidores din poder identificar os produtos respectuosos co medio ambiente
- O 54% dos enquisados cre que a maioría das persoas vivirán de forma sostible na próxima década
Cerceda, ao 14 de xuño de 2023.- Forética e GlobeScan presentaron no seu momento un informe 'Healthy & Sustainable Living’ sobre as tendencias de consumo sostible a nivel global, co obxectivo de axudar ás empresas a comprender e responder ás preferencias e comportamentos cambiantes dos consumidores relacionados cunha vida saudable e sostible en 31 países.
Os resultados do estudo inclúen datos, tendencias e perspectivas actuais do consumo sostible en España -froito dunha enquisa realizada a máis de 1.000 persoas-.
Preocupacións
Entre as principais preocupacións dos españois, destaca especialmente a guerra de Ucraína (80%), seguida da pobreza (75%) e do cambio climático (72%).
En relación co cambio climático, España é o país con maior percepción de impacto da calor extrema, os incendios forestais e a seca, o que indica que lle afecta negativamente o aumento das temperaturas provocado polo quecemento global (a un 85% dos enquisados, máis que á media mundial, situada nun 64%).
Como principais barreiras, o informe subliña que a inflación está a afectar á capacidade dos consumidores para acceder a unha vida sa e sostible. A maioría afirma que os prezos dos produtos respectuosos co medio ambiente subiron nos últimos 12 meses, cando xa se percibían como máis caros que o resto.
Os españois manifestan que se formulan apoiar ás empresas responsables co medio ambiente máis do que o fan actualmente, cun desfasamento existente entre aspiracións e accións. Actualmente, están máis interesados en facer cousas que consideran máis sinxelas, como non malgastar recursos e mellorar o seu benestar, fronte a outras que esixen un sacrificio maior.
Contradicindo as recentes preocupacións sobre o rexeitamento dos consumidores ao “lavado verde” (greenwashing), unha gran maioría (81%) afirma que, en xeral, confía nas comunicacións sobre eses produtos emitidas polas empresas e organizacións. Consideran tamén que o respecto ao medio ambiente desempeña un papel importante á hora de tomar dicisións de compra en todas as categorías de produtos analizadas.
Certificación, etiquetaxe e packaging, a referencia para o consumidor
As certificacións e a etiquetaxe, os envases fabricados con materiais reciclados ou reciclables, así coma os materiais e ingredientes, son as tres formas principais en que os consumidores din poder identificar os produtos respectuosos co medio ambiente.
Ademais, en España os medios de comunicación tradicionais son os de maior influencia á hora de fomentar un estilo de vida sostible, seguidos da familia e as ONG/grupos activistas. A nivel global, en cambio, o terceiro lugar ocúpanno as redes sociais.
O 54% dos enquisados, tanto en España como a nivel global, cre que a maioría das persoas vivirán de forma sostible na próxima década: conducir coches eléctricos, o uso de enerxía renovable e evitar o consumo de plástico dun só uso, son as principais accións a futuro.
Fonte: Compromiso RSE
Imaxe: Pexels