- Así se desprende dun estudo que, baixo o título “Outro consumo para un futuro mellor”, elaborou a OCU, en colaboración co Foro NESI de Nueva Economía e Innovación Social.
- O 73% dos enquisados asegura ter en conta aspectos éticos e ecolóxicos nas súas decisións de consumo.
- Así mesmo, o 62% considera que o seu consumo é unha ferramenta poderosa para cambiar o mundo e o 57% séntese identificado coas mensaxes das novas economías ao servizo das persoas e o planeta.
- Se ben as opcións certificadas desde un punto de vista ético e ecolóxico adoitan ser máis caras que as que non o están, o certo é que o 10% dos enquisados asegura que estaría disposto a pagar ese posible sobrecusto.
Cerceda, a 15 de febreiro de 2019.- A ecoloxía e a ética están cada vez máis presentes nos criterios de compra dos consumidores. Así se desprende dun estudo que, baixo o título “Outro consumo para un futuro mellor”, elaborou a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), en colaboración co Foro NESI de Nueva Economía e Innovación Social, pretendendo a través do mesmo analizar o comportamento dos consumidores de hoxe.
Os resultados do estudo proceden dunha enquisa representativa da poboación española na que participaron 1.284 persoas, das conclusións extraídas de tres grupos de discusión con cidadáns comprometidos co consumo responsable, dunha enquisa exploratoria a 340 persoas para medir hábitos e de 26 entrevistas efectuadas a expertos en consumo sostible e novas economías.
O 73% dos enquisados asegura ter en conta aspectos éticos e ecolóxicos nas súas decisións de consumo. Así mesmo, o 62% considera que o seu consumo é unha ferramenta poderosa para cambiar o mundo e o 57% séntese identificado coas mensaxes das novas economías ao servizo das persoas e o planeta.
Non obstante, as conclusións tamén evidencian que aqueles que se mostran proclives a consumir de forma sostible atópanse con limitacións tales como a falta de información, o prezo, a accesibilidade e ata a dificultade para atopar empresas responsables.
Se ben as opcións certificadas desde un punto de vista ético e ecolóxico adoitan ser máis caras que as que non o están, o certo é que o 10% dos enquisados asegura que estaría disposto a pagar este posible sobrecusto, unha porcentaxe que se amplía se o sobrecusto non é elevado ou se se trata de produtos concretos e vinculados a ámbitos cos que están especialmente sensibilizados.
Malia as limitacións, descoñecementos e lagoas, todo apunta a que os consumidores españois actúan de forma máis consciente, reflexionan en maior medida sobre o impacto das súas decisións e miran máis aló dos seus intereses individuais á hora de adquirir produtos.
Fonte: OCU
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación