- Segundo un estudo realizado por YouGov para Carbon Trust, e no que participaron 10.000 consumidores de distintos países, dous terzos dos mesmos apoian que se inclúa nos artigos unha etiqueta que proporcione información ao respecto.
Cerceda, a 30 de abril de 2020.- Os cidadáns móstranse favorables a que os produtos que consomen acheguen información sobre a súa pegada de carbono. Así se deduce dun estudo realizado por YouGov para Carbon Trust, e no que participaron 10.000 consumidores de Francia, Alemaña, Italia, Países Baixos, España, Suecia, Reino Unido e Estados Unidos.
O 64% dos consumidores dos distintos mercados afirma que é máis probable que teñan unha actitude positiva cara a unha marca que poida demostrar que reduce a pegada de carbono dos seus artigos.
Francia, Italia e España son os países que mostran niveis máis altos de apoio a esta iniciativa, co 80, 82 e 79% dos consumidores a favor.
O director xerente de Carbon Trust, Hugh Jones, destacou que os resultados da investigación están "aliñados coa crecente demanda corporativa de etiquetaxe de pegada de carbono que observaron no último ano”.
"As empresas teñen moito que gañar ao cuantificar a pegada de carbono dos seus produtos e servizos, un proceso que lles permite identificar como ser máis eficientes. O sostido e elevado apoio dos consumidores á etiquetaxe de pegada de carbono suxire que transmitir esta información aos consumidores, cada vez mellor informados e conscientes da situación climática, pode contribuír a mellorar a reputación dunha compañía e a súa cota de mercado", sinalou.
Carbon Trust comezou a lanzar os primeiros esquemas de certificación e etiquetaxe de pegada de carbono en 2007.
O traballo de campo realizouse mediante unha enquisa online, entre o 25 de febreiro e o 2 de marzo de 2020.
Fonte: Ecoticias
Imaxe: Pixabay