- Así o indicou Javier Domínguez, presidente desta empresa pública, nunha entrevista realizada polo director de EsRadio Galicia, Ignacio Balboa.
- O máximo responsable de Sogama destacou, entre outras melloras, a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda en liña coa industria 4.0, o éxito rotundo do programa de compostaxe doméstica liderado por esta entidade, e o mantemento da bonificación do canon aos concellos por terceiro ano consecutivo.
- Referiuse tamén ao apoio brindado por Sogama para a correcta xestión dos residuos COVID de baixo risco e expuxo o escenario de futuro no tratamento diferenciado da materia orgánica, articulando para isto unha infraestrutura conformada por 4 plantas de compostaxe apoiadas por 13 plantas de transferencia.
Cerceda, a 6 de setembro de 2021.- “Os datos demostran que, nos últimos anos, Sogama dou un paso de xigante no ámbito da sostibilidade, conseguindo posicionarse e afianzarse como a empresa do seu sector máis moderna e eficiente de Europa”. Así o indicou Javier Domínguez, presidente desta empresa pública, nunha entrevista realizada polo director de EsRadio Galicia, Ignacio Balboa.
MELLORAS ENCAMIÑADAS CARA Á ECONOMÍA CIRCULAR
Domínguez destacou, entre outras melloras, a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, que permitiu o incremento da súa capacidade de tratamento nun 81%, subindo desde as 550.000 toneladas anuais a 1.000.000. Isto quere dicir que “se fose necesario, poderiamos tratar todos os residuos urbanos producidos en Galicia”.
Ao respecto, explicou que a ampliación do Complexo levouse a cabo en plena sintonía coa industria 4.0, o que permitiu incrementar, nun 65%, os residuos tratados nesta infraestrutura. “Mentres que no ano 2008 xestionáronse no Complexo cercedense 478.176 toneladas, esta cifra subiu ata as 789.415 toneladas en 2020”. Unha evolución que cualifica de “moi positiva” e que se traduciu nunha diminución do vertido próxima ao 99%, baixando das 413.379 toneladas en 2008 ás 5.463 toneladas en 2020.
A meirande parte do vertedoiro de Sogama en Areosa, concretamente o 85%, está hoxe selada, permanecendo en explotación unha pequena área na que se depositan aqueles refugallos que non poden ser reciclados nin valorizados enerxeticamente. “Son datos que falan por si sós e, por tanto, irrefutables”, sentenciou.
Aludiu tamén ao programa de compostaxe doméstica liderado por esta empresa pública, ao que xa están adheridas máis de 400 entidades, das cales 220 son concellos, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 17.000 compostadores.
Así mesmo, e por terceira vez consecutiva, a compañía mantén a bonificación do canon a pagar polos concellos. Trátase dunha rebaixa do 10% supeditada ao cumprimento de dous requisitos por parte destes: promover a redución da produción de residuos e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros; e trasladar a rebaixa aos recibos dos veciños. Esta bonificación supón un aforropara os entes locais de case 7 euros por tonelada.
PAPEL NOS RESIDUOS COVID
Respecto do labor de Sogama tras o impacto da Covid, lembrou que, ante a sobresaturación das instalacións encargadas de xestionar residuos sanitarios, o SERGAS solicitou a colaboración desta compañía pública para que se fixese cargo dos residuos sanitarios de baixo risco, como é o caso de mergulladores, luvas, máscaras refugables e asimilables.
Nun tempo récord, habilitouse no Complexo cercedense unha planta provisional, onde estes refugallos recibían un pretratamento para ser valorizados enerxeticamente a máis de 850º C, temperatura coa que se garante a destrución de patóxenos e outro elementos nocivos.
Aínda que esta actividade non figuraba inicialmente no obxecto social de Sogama, “nós, como empresa pública, non podiamos permitir que a ineficiente xestión destes residuos agravase o xa de seu preocupante problema sanitario”.
VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA
Tal e como se establece na normativa, os concellos teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva da materia orgánica e, aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, quere axudar a que estes cumpran coas súas obrigacións legais.
Para iso construiranse tres novas plantas de biorresiduos nas provincias de Lugo (concretamente no municipio de Cervo), Ourense (en Verín) e Pontevedra (Vilanova de Arousa), que se sumarán á de Sogama en Cerceda, así como a outras, tanto públicas como privadas, actuais e futuras, para dar cobertura a todo o territorio galego.
Co obxectivo de que poidan ser utilizadas por municipios que se atopan fóra do seu radio de acción e maximizar así as súas prestacións e rendemento, estarán apoiadas por un total de 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para transvasar a materia orgánica recollida de forma separada por parte dos concellos.
Saúdos, Departamento de Comunicación