- As inundacións en Paquistán, as ondas de calor en Europa e a seca prolongada no Corno de África son tan só algúns dos efectos do cambio climático que, a partir destes intres, sufriranse con máis intensidade se non se adoptan medidas para paliar o quecemento global
- O secretario xeral da OMM manifestou que as alertas temperás e a creación de resiliencia serán algunhas das prioridades centrais en 2023
Cerceda, a 9 de xaneiro de 2023.- Tal e como indicou a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), os desastres naturais de 2022 (inundacións en Paquistán, ondas de calor en Europa, seca prolongada no Corno de África), ademais de cobrarse numerosas vidas e afectar a millóns de persoas, tiveron un custo de miles de millóns de dólares, evidenciando o rápido avance do cambio climático inducido pola actividade humana e a urxencia de actuar antes de que sexa demasiado tarde.
As medicións científicas permitiron comprobar que o últimos oito anos serán os máis cálidos desde que existen rexistros. A persistencia dun evento da Nena evitará que 2022 sexa o ano máis quente, pero o seu efecto de arrefriado será de curta duración e non reverterá a tendencia de quecemento a longo prazo causada por niveis récord de gases de efecto invernadoiro que atrapan a calor na atmosfera.
Segundo os prognósticos da oficina meteorolóxica do Reino Unido, a temperatura global media en 2023 estaría entre 1,08°C e 1,32°C por riba do nivel preindustrial, moi preto da meta do máximo de 1,5°C que marca o Acordo de París para fin de século.
Petteri Taalas, secretario xeral da OMM, puxo de relevo a necesidade de contar con medidas de adaptación e manifestou que as alertas temperás e a creación de resiliencia serán algunhas das súas prioridades centrais para 2023.
O organismo explicou que, ademais dos gases de efecto invernadoiro, o nivel do mar, o contido de calor e a acidificación do océano tamén rexistraron máximos históricos. De feito, a taxa de aumento do nivel do mar duplicouse desde 1993. Só os últimos dous anos e medio representan o 10% do aumento xeral desde que comezaron as medicións satelitaid hai case 30 anos.
Ademais, os glaciares dos Alpes mostraron un derretemento sen precedentes. A capa de xeo de Groenlandia perdeu masa por vixésimo sexto ano consecutivo e, por primeira vez, choveu en lugar de nevar no cume. Pola súa banda, o Ártico tamén é máis cálido, húmido e tormentoso.
RÉCORDS DE CALOR
A OMM sinalou que, se ben o 2022 non bateu récords de temperatura global, si houbo unha serie de récords nacionais de calor en moitas partes do mundo.
India e Paquistán experimentaron un calor récord en marzo e abril, e China tivo a onda de calor máis estensa e duradeira desde que comezaron os rexistros nacionais, así como o segundo verán máis seco.
Despois da onda de calor, unhas choivas récord en xullo e agosto causaron inundacións tráxicas en Paquistán, onde alomenos 1.700 persoas morreron e 33 millóns resultaron afectadas (7,9 millóns delas tiveron que desprazarse).
Ademais, grandes partes de Europa viviron episodios de calor extrema. O Reino Unido tivo un récord nacional o 19 de xullo, cando a temperatura superou os 40°C por primeira vez.
En África Oriental, as choivas estiveron por baixo da media en catro tempadas consecutivas, o que provocou unha crise humanitaria que afecta a millóns de persoas, devastando a agricultura e matando ao gando, sobre todo en Etiopía, Kenya e Somalia.
En Sudamérica, houbo temperaturas récord durante dúas ondas de calor consecutivas a finais de novembro e principios de decembro no centro e norte de Arxentina, o sur de Bolivia, o centro de Chile e case todo Paraguai e Uruguai.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay