- Así o manifestou Mercedes Cereijo, directora do CEIP Plurilingüe de Outes (A Coruña), nunha entrevista recollida no último número da Newsletter de Sogama.
- Este centro proclamouse gañador do concurso “Recíclate con Sogama” 2018-2019 coa obra de arte “O mar vence ao plástico”, dirixida polo profesor de plástica, Adrián Rivero.
- Coa mesma pretendían facerse eco da necesidade de reducir o exacerbado consumo de plásticos de usar e tirar e optar por alternativas máis ecolóxicas e sostibles.
- A través dunha metodoloxía participativa e colaborativa, este colexio traballa intensamente na xestión sostible dos residuos urbanos, transmitindo aos pequenos o amor pola natureza, o respecto cara aos seres vivos e o necesaria implicación de todos nun medio ambiente máis limpo e saudable.
Cerceda, a 11 de novembro de 2019.- Mercedes Cereijo, non só é a directora do CEIP Plurilingüe de Outes, na provincia da Coruña (antes foino do CEIP Emilio Navasqüés), senón unha persoa plenamente comprometida coa sociedade e o medio ambiente. Valores como o respecto, a solidariedade, o compañeirismo e a igualdade, entre outros, constitúen o epicentro dos seus ensinos. A súa aspiración profesional é aportar o seu gran de area na formación de futuros adultos responsables e consecuentes.
O centro que dirixe sempre se mostrou moi receptivo a participar en diferentes iniciativas que axuden no coidado da contorna. O pasado curso académico foi seleccionado para participar nunha nova edición do programa “Recíclate con Sogama” e fíxose co primeiro premio do concurso de obras de arte con materiais de refugallo.
Baixo o título “O mar vence ao plástico”, desenvolveron un proxecto que pretendía ir máis aló da estética e impregnalo dunha sólida mensaxe ambiental: a necesidade de reducir o exacerbado consumo de plásticos de usar e tirar, e optar por alternativas máis ecolóxicas e sostibles.
O traballo, dirixido polo profesor de plástica, Adrián Rivero, plasmaba unha cara amable reflectida nunha sirena construída con elementos naturais (madeira, conchas, piñas, etc) e unha cara escura a través dun monstro fabricado integramente con plásticos recollidos polo alumnado de infantil nunha batida de limpeza realizada na praia de Broña (Outes).
EDUCACIÓN EN VALORES
Con todo, e máis aló deste concurso concreto, a xestión sostible de residuos está presente en todo momento no centro.
Para que os pequenos tomasen conciencia da problemática que representa a elevada xeración de lixo, colocaron varias caixas na entrada do colexio a fin de que depositasen nas mesmas os plásticos xerados co obxectivo de que, unha vez transcorrida a semana, tivesen a oportunidade de comprobar por si mesmos as inxentes cantidades acumuladas.
Unha vez comprendida a problemática, recibiron a oportuna formación para aprender a seleccionar correctamente os refugallos e depositalos nos diferentes contedores, propiciando o seu reciclado.
Así mesmo, e coa axuda dun composteiro, elaboraron abono a partir da materia orgánica, que logo aplicaron na súa horta ecolóxico. E, chegado o entroido, e co ánimo de implicar a toda a comunidade educativa (docentes, pais e alumnos), confeccionaron disfraces a partir de residuos.
Cereijo considera que o esforzo paga a pena, xa que sensibilizando aos pequenos no hábito de clasificar os residuos, chégase ás familias e posibilítase que realmente o labor escolar cobre sentido e dea os seus froitos.
METODOLOXÍA
Para lograr os seus obxectivos, apostaron por unha metodoloxía participativa e cooperativa, recorrendo a modelos e antimodelos, reforzo positivo e negativo, reflexión sobre diferentes situacións, organización de debates e colaboración en campañas. E todo isto co fin de propiciar que os alumnos adopten medidas de conservación e mellora do medio natural, que sintan admiración pola natureza, que valoren a protección dos seres vivos e que coñezan os seus deberes e obrigas na defensa do medio natural.
Mercedes Cereijo móstrase optimista en relación ao mañá: “Confiamos en que, na nosa función de educadores, xeremos cambios positivos na sociedade porque os nosos nenos son o futuro e nós tamén somos responsables de transmitirlles estes valores tan importantes”.
Saúdos, Departamento de Comunicación