- Cada cidadán reciclou 13,2 kg/ hab de envases plásticos do fogar, unha cifra moi positiva, tendo en conta que a pandemia obrigou ao peche temporal da hostalería e á cancelación de eventos, dando lugar a unha redución do 2,1% de envases plásticos.
- España segue a ocupar os primeiros postos no ránking de reciclaxe deste tipo de materiais a nivel europeo.
- Contemplando todos os envases (domésticos, comerciais e industriais), en 2019 España chegou a un índice de reciclaxe do 51,5%, superando así o obxectivo marcado pola Unión Europea do 50% en 2025.
Cerceda, a 2 de agosto de 2021.-. – Malia a pandemia, España segue mantendo os bos resultados de reciclaxe de envases de plástico domésticos, que xa alcanza o dobre de toneladas que hai unha década.
En 2020, os cidadáns españois contribuíron á reciclaxe de 616.282 toneladas de envases de plástico domésticos, unha cifra moi positiva, tendo en conta que o pasado ano produciuse unha redución do 2,1% no consumo deste tipo de materiais debido ao peche temporal da hostalería e á cancelación de eventos.
No ránking europeo, España, con 13,2 kg/ hab, segue a ocupar os primeiros postos en reciclaxe de plásticos, tal e como indica o informe 2019 de EPRO (European Plastic Recycling and Recovery Organization), superando a países como Reino Unido (8,4 kg/ hab), Suíza (6,9kg/ hab) ou Noruega (6,7 kg/ hab)).
Contemplando todos os envases (domésticos, comerciais e industriais), en 2019 España chegou a un índice de reciclaxe do 51,5%, por riba do obxectivo marcado pola Unión Europea do 50% en 2025.
O índice de reciclaxe aumenta ano a ano, mentres que, pola contra, diminúen anualmente os plásticos que van a vertedoiro.
CARA Á ECONOMÍA CIRCULAR DOS PLÁSTICOS
A industria do plástico está volcada na economía circular e Cicloplast colabora e promove proxectos orientados principalmente á utilización de plástico reciclado en novos produtos.
Isabel Goyena, directora de Cicloplast, sinala que “As empresas están a investir e mellorar os seus procesos de produción fabricando produtos máis reciclables e incorporando material reciclado nos mesmos. O ecodeseño é clave, por exemplo, no sector da alimentación para que o produto interior conserve a súa frescura durante máis tempo e á vez sexan envases máis facilmente reciclables. Moitos dos envases de produtos de limpeza xa incorporan plásticos reciclados, sen esquecer que levamos máis de 20 anos reducindo o espesor e, polo tanto, o peso: algúns recipientes pasaron a ser un 50% máis lixeiros en só 10 anos. Tamén se están a modificar as materias primas, algunhas delas xa proceden de fontes renovables como residuos de biomasa ou aceites de cociña.”
Así mesmo estase avanzando moito en reciclado mecánico, incrementando capacidades e mellorando procesos, e, como complemento, estase a investir no desenvolvend de novas tecnoloxías como a reciclaxe química.
Ao respecto, Isabel Goyena engadiu que “Temos unha tarefa pendente, concienciar para que os cidadáns non abandonen os residuos na contorna. Consideramos que medidas baseadas na educación ambiental e a sensibilización son máis eficaces para a prevención do litter e que por iso debería ser un aspecto que estivese moito máis reforzado na futura lei de residuos”.
SOBRE CICLOPLAST
Cicloplast é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1996 polos industriais de plásticos, produtores e transformadores para impulsar a prevención, a reciclaxe e a xestión sostible dos plásticos ao final da súa vida útil, procedente de calquera das súas aplicacións.
Cicloplast traballa en liñas de actividade tales como a colaboración coas Administracións Públicas, proxectos de I+D+i e Economía Circular, accións de educación e sensibilización ambiental, e intercambio de coñecementos a nivel internacional no marco da asociación europea EPRO ( European Association of Plastics Recycling & Recovery Organizations).
Fonte: Cicloplast
Imaxe: Ecoembes