- En 2021, cada europeo xerou case 190 kg de residuos de envases ao ano, unha cifra que podería chegar ata o 209 kg en 2030 se non se adoptan medidas adicionais
Cerceda, a 3 de novembro de 2023.- Os eurodeputados da Comisión de Medio Ambiente adoptaron recentemente a súa posición sobre unha proposta de regulamento que establece requisitos para todo o ciclo de vida dos envases: desde as materias primas ata a eliminación final. O obxectivo é reducir os residuos innecesarios, que os envases sexan máis fáciles de reutilizar e reciclar, e que se promova o uso de contido reciclado.
Neste sentido, apostan por prohibir a venda de bolsas de plástico moi lixeiras (menos de 15 micras), a menos que sexan necesarias por razóns de hixiene ou se proporcionen como embalaxe primaria para alimentos a granel, axudando a evitar o desperdicio de alimentos.
Ademais dos obxectivos xerais de redución de envases propostos no regulamento, os eurodeputados consideran necesario establecer obxectivos específicos de redución de residuos de envases plásticos (10% para 2030, 15% para 2035 e 20% para 2040) e defenden que a parte plástica da embalaxe incorpore porcentaxes mínimas de contido reciclado, dependendo do tipo de embalaxe.
Para finais de 2025, a Comisión debería avaliar a posibilidade de propoñer obxectivos e criterios de sostibilidade para o plástico de orixe biolóxica, un recurso crave para "desfosilizar" a economía do plástico.
Móstranse a favor de definir os requisitos para os envases que deben reutilizarse ou encherse, e consideran que os distribuidores finais de bebidas e comida para levar do sector HORECA deberían ofrecer aos consumidores a posibilidade de traer o seu propio envase.
A prohibición do uso dos chamados “químicos permanentes” (substancias alquílicas perfluoradas e polifluoradas ou PFAS) e bisfenol A agregados intencionalmente en envases en contacto con alimentos, tamén se atopa en axenda.
Outras medidas propostas son a esixencia de maiores requisitos para que todos os envases na UE se consideren reciclables; que os países da UE garantan que o 90 % dos materiais contidos nos envases (plástico, madeira, metais ferrosos, aluminio, vidro, papel e cartón) se recollan por separado de aquí a 2029; e que os provedores de servizos en liña estean suxeitos ás mesmas obrigacións de responsabilidade ampliada do produtor que os produtores.
Contexto
En 2018, os envases xeraron unha facturación de 355 mil millóns de euros na UE, coa particularidade de que tamén é unha fonte de residuos cada vez maior: de 66 millóns de toneladas en 2009 subiuse a 84 millóns de toneladas en 2021. En 2021, cada europeo xerou 188,7 kg de residuos de envases ao ano, unha cifra que se agarda que aumente a 209 kg en 2030 sen medidas adicionais.
Fonte: Parlamento Europeo