- Coincidiron en sinalar que a Unión Europea necesita obxectivos políticos claros para lograr unha economía neutra en carbono, ambientalmente sostible, libre de tóxicos e totalmente circular para 2050 como moi tarde.
Cerceda, a 28 de xaneiro de 2021.- No día de onte, a Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria do Parlamento Europeo adoptou o seu informe sobre o novo Plan de Acción de Economía Circular da UE, con 66 votos a favor, 6 en contra e 7 abstencións.
Os eurodiputados coincidiron en sinalar que a Unión Europea necesita obxectivos políticos claros para lograr unha economía neutra en carbono, ambientalmente sostible, libre de tóxicos e totalmente circular para 2050 como moi tarde.
Así mesmo, consideran que a economía lineal actual de “Tomar-usar-desbotar” debe transformarse nunha economía verdadeiramente circular baseada na prevención de residuos e na redución do consumo de enerxía e recursos.
Neste sentido, inciden en que os produtos deben deseñarse de maneira que reduzan os residuos, as substancias nocivas e a contaminación, á vez que protexen a saúde humana.
Piden tamén obxectivos da UE vinculantes de cara a 2030 sustentados na ciencia para o uso de materiais e a pegada de consumo que cubran todo o ciclo de vida de cada categoría de produto comercializada na UE. Con este fin, instan á Comisión a introducir en 2021 indicadores de circularidade harmonizados, comparables e uniformes.
PRODUTOS SOSTIBLES
Igualmente, o Comité de Medio Ambiente solicita á CE que propoña obxectivos vinculantes específicos para produtos e/ou sectores específicos en canto a contido reciclado, garantindo ao mesmo tempo o rendemento e a seguridade dos produtos en cuestión e que estean deseñados para ser reciclados.
Os eurodiputados apoian firmemente a intención da Comisión de ampliar o alcance da Directiva sobre deseño ecolóxico a fin de incluír produtos non relacionados coa enerxía. Insisten en que se debe presentar unha nova lexislación en 2021 e establecer principios de sostibilidade horizontais e estándares específicos para que os produtos comercializados na UE teñan un bo rendemento, sexan duradeiros, reutilizables, eficientes, poidan repararse fácilmente, non sexan tóxicos, conteñan material reciclado e poidan ser mellorados e reciclados.
Outras propostas clave dos eurodiputados inclúen:
- Introducir medidas contra o «greenwashing» e as falsas afirmacións medioambientais, así como medidas lexislativas para poñer fin ás prácticas que dan lugar á obsolescencia programada.
- Defender a etiqueta ecolóxica da UE como punto de referencia para a sostibilidade medioambiental.
- Reforzar o papel da contratación pública ecolóxica establecendo criterios e obxectivos mínimos obrigatorios.
- Integrar os principios da economía circular nos plans nacionais de recuperación dos Estados membros.
O informe someterase a votación durante a sesión plenaria de febreiro.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels