- O PNUMA dá conta dos máis relevantes, orientados á adopción de medidas e estratexias para combater o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación
Cerceda, a 31 de xaneiro de 2024.- O ano 2024 estará marcado por un gran número de eventos con importantes implicacións para o medio ambiente, a biodiversidade e a sostibilidade do planeta. Dos mesmos dá conta o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), téndose celebrado, este mes de xaneiro, a Quinta reunión do Grupo de Traballo sobre o Nitróxeno do PNUMA e a Conferencia de Berna III sobre a cooperación entre as Partes nos diversos convenios relacionados coa diversidade biolóxica.
Do 12 ao 17 de febreiro, está axendado, en Samarcanda (Uzbekistán), o décimocuarto período de sesións da Conferencia das Partes na Convención sobre a Conservación das Especies Migratorias de Animais Silvestres (CEM COP 14), que fará fincapé na colaboración internacional para a supervivencia das especies migratorias.
Do 27 de febreiro ao 1 de marzo está prevista a 6ª sesión da Asemblea das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente (UNEA-6), que acollerá a sede do PNUMA en Nairobi (Kenya), e onde se abordará a adopción de medidas multilaterais eficaces e sostibles para combater o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación. O obxectivo da Asemblea é sentar as bases para fortalecer os esforzos mundiais e rexionais das Nacións Unidas, os Estados membros e os asociados en favor dunha acción ambiental eficaz.
O 30 de marzo conmemorarase o Día Internacional de Cero Refugallos, efeméride que promove os hábitos e modalidades de consumo e produción sostibles, avogando por unha economía circular para facer fronte ao cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación. Tendo en conta de que os residuos no mundo alcanzan os 2.240 millóns de toneladas anuais, as iniciativas de cero refugallos teñen como obxectivo reducilos ao mínimo e evitalos, favorecendo a protección do medio ambiente e o benestar das persoas.
Do 21 ao 30 de abril terá lugar, en Ottawa (Canadá), o cuarto período de sesións do Comité Intergobernamental de Negociación (INC-4), que pretende elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos que abarque os medios mariños.
Do 28 ao 30 de maio, a atención centrarase na COP 11 do Convenio de Nairobi, que é un tratado rexional que traballa para protexer, xestionar e desenvolver o Océano Índico Occidental, e do 3 ao 5 de xuño, o foco porase na segunda reunión mundial de coordinadores nacionais do Programa de Montevideo V, que se celebrará en Nairobi, e que aspira a promover o estado de dereito ambiental en todo o mundo e contribuír á dimensión ambiental da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
Ese mesmo mes, do 7 ao 12 de xuño, terá lugar a terceira reunión do Grupo de Traballo especial de composición aberta relativo á creación dun grupo científico-normativo para seguir contribuíndo á xestión racional dos produtos químicos e os refugallos, e evitar a contaminación.
Para o 24 de setembro, prevese a reunión de Alto Nivel sobre a Resistencia aos Antimicrobianos. Coa mesma preténdese renovar o compromiso mundial e explorar accións innovadoras e multilaterais para combater as implicacións de longo alcance da AMR na asistencia sanitaria, as taxas de mortalidade e o benestar xeral.
Do 21 ao 23 de outubro terá lugar, en Camboya, a 26ª Reunión Intergobernamental do Órgano de Coordinación sobre os Mares de Asia Oriental (COBSEA IGM 26). O evento centrarase en estratexias cruciais para a xestión do medio mariño na rexión dos mares de Asia Oriental.
Do 21 de outubro ao 1 de novembro, farase un oco o décimosexto período de sesións da Conferencia das Partes no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica; unha reunión mundial que resulta fundamental para abordar a conservación da biodiversidade, a bioseguridade e o acceso aos recursos xenéticos.
Do 4 ao 5 de novembro, o protagonismo levarao a Cuarta Conferencia Ministerial Mundial de Alto Nivel sobre a Resistencia aos Antimicrobianos, que se desenvolverá en Arabia Saudita e reunirá a líderes para abordar cuestións urxentes en materia de prevención e xestión da RAM no plano mundial.
E do 25 de novembro ao 1 de decembro, celebrarase o quinto período de sesións do Comité Intergobernamental de Negociación para elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos, incluído o medio mariño. Reunirase en Busan (República de Corea) e pretende completar os traballos para finais de 2024, cun enfoque global que abarque todo o ciclo de vida do plástico.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay