- Así se recolle no VI Observatorio Nestlé sobre Hábitos Nutricionais e Estilos de Vida das Familias, dado a coñecer con motivo do Día da Nutrición, poñendo o foco de atención sobre o desperdicio alimentario.
- O pan é o artigo que máis se refuga, seguido pola froita e as verduras.
- Malia que existe unha maior concienciación da poboación ao respecto, urxe pasar á acción ou evitar que a comida acabe arroxada ao cubo do lixo.
- En canto ás sobras, o 23% dos enquisados asegura tiralas directamente e o 13% gárdaas co obxectivo de reaproveitalas, aínda que finalmente acaban desperdiciadas.
Cerceda, a 28 de maio de 2019.- No marco do Día da Nutrición, que se celebra hoxe, fixéronse públicos os resultados do VI Observatorio Nestlé sobre Hábitos Nutricionais e Estilos de Vida das Familias, que nesta ocasión puxo o foco de atención no desperdicio alimentario, un fenómeno sobre o que, malia existir unha maior concienciación cidadá, aínda arroxa cifras preocupantes: os fogares españois tiran ao lixo máis de 1.240 millóns de quilos de comida cada ano.
O 90% da poboación cre desperdiciar pouco ou nada fronte ao 11% que considera que desperdicia moito ou bastante. Con todo, cando se pregunta aos cidadáns polos alimentos que acabaron no cubo do lixo durante a última semana, o 27% recoñece ter tirado entre un 5 e máis dun 25% da comida cociñada, así como alimentos crus que tiña na casa.
Atendendo ás tipoloxía de produtos, o pan é o artigo que máis se refuga. Así o admite o 25% dos enquisados, seguido pola froita e as verduras (20%); unhas porcentaxes que representan o dobre da cantidade de carne, peixe ou legumes. Pola súa banda, os ovos e lácteos son os alimentos que se aproveitan en maior medida.
Ante un escenario destas características e, aínda que existe maior sensibilización social sobre o desperdicio alimentario, urxe pasar da intención á acción, da boa vontade á práctica efectiva. Porque, tal e como explicou Rafael Casas, doutor e médico experto en promoción de hábitos saudables que colaborou neste estudo promovido por Nestlé e realizado pola firma de investigación de mercados IPSOS, se ben é certo que os cambios de conduta social comezan por tomar conciencia do problema, non menos certo é que fai falta dispoñer de ferramentas para aplicalos.
NOVA VIDA PARA AS SOBRAS
Segundo o Observatorio, o 36% dos españois tira as sobras do prato. O 23% refúgaas directamente e o 13% gárdaas co obxectivo de reaproveitalas, aínda que finalmente acaban no lixo. Moitos consérvanas nun primeiro momento, pero o 14% confesa que non sabe que facer coas mesmas.
Ata o 42% das persoas que conservan as sobras recoñecen que acaban recorrendo aos fritos para convertelas en novos menús. Non obstante, as posibilidades para elaboar novos pratos coas mesmas son múltiples.
Fonte: Nestlé
Saúdos, Departamento de Comunicación