- Malia que só cobren ao redor do 6% da superficie terrestre, son o hábitat do 40% de todas as especies de plantas e animais
- Constitúen un dos ecosistemas máis valiosos da Terra, xa que, entre outros beneficios, representan unha solución natural ao cambio climático, protéxennos de catástrofes naturais, regulan e purifican a auga, e son o medio de subsistencia para máis de 1.000 millóns de persoas no mundo.
- Con todo, cunha perda do 35% a nivel mundial desde 1970, están seriamente ameazados, desaparecendo tres veces máis rápido que os bosques.
Cerceda, a 2 de febreiro de 2022.- Hoxe celébrase o Día Mundial dos Humidais, ecosistemas nos que a auga é o principal factor que controla a contorna e a vida vexetal e animal asociada ao mesmo.
A temática de 2022 “Acción en favor dos humidais para as persoas e a natureza”, destaca a importancia de lograr que os humidais se usen de forma sostible e racional. Polo tanto, a campaña deste ano é unha chamada urxente á acción para que se tomen medidas e se invista capital financeiro, humano e político en evitar que os humidais do mundo desaparezan por completo e restaurar os que xa se perderon.
BENEFICIOS
Neste sentido, cabe destacar que representan un dos ecosistemas máis valiosos da Terra, indispensables para os seres humanos e a natureza polo seu valor intrínseco e polos beneficios e servizos que proporcionan, incluídas as súas contribucións ambientais, climáticas, ecolóxicas, sociais, económicas, científicas, educativas, culturais, recreativas e estéticas ao desenvolvemento sostible e o benestar da humanidade.
Malia que só cobren ao redor do 6% da superficie terrestre, son o hábitat do 40% de todas as especies de plantas e animais. A súa diversidade biolóxica é crucial para a saúde humana, a subministración de alimentos, o transporte e as actividades económicas que xeran emprego, como a pesca e o turismo.
Os humidais son vitais para os seres humanos, para outros ecosistemas e para o noso clima, proporcionando servizos ecosistémicos esenciais como a regulación e purificación auga, incluíndo o control das inundacións.
Constitúen unha solución natural ao cambio climático. De feito, as turberas, os manglares e as praderías mariñas son os sumidoiros de carbono máis eficaces da Terra, encargándose de capturar e almacenar o dobre de carbono que todos os bosques do mundo xuntos. Con todo, cando se drenan e destrúen, emiten grandes cantidades de carbono.
Tamén nos protexen de catástrofes naturais. Ante a subida do nivel do mar, os humidais costeiros reducen o impacto dos furacáns e os tsunamis, fixan a liña de costa e resisten a erosión.
Así mesmo, máis de 1.000 millóns de persoas (unha oitava parte da poboación terrestre) que viven en zonas rurais e urbanas de todo o mundo dependen destes ecosistemas como medio de subsistencia.
Uns humidais sans tamén son fundamentais para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en especial os relativos ao obxectivo 6: para garantir auga limpa e saneamento para todos, e protexer os ecosistemas relacionados coa auga; obxectivo 14, para a conservación e uso sostible dos océanos, os mares e os recursos mariños; e o obxectivo 15, pola conservación, o restablecemento e o uso sostible dos ecosistemas terrestres e os ecosistemas interiores de auga doce.
AMEAZAS
Con todo, e a pesar destes grandes beneficios, son un dos ecosistemas que sofren maior deterioro, perda e degradación, e prevese que esta tendencia negativa continúe como consecuencia do rápido crecemento da poboación, a produción e o consumo insostible, o desenvolvemento tecnolóxico e o cambio climático.
Cunha perda do 35% a nivel mundial desde 1970, son o ecosistema máis ameazado, desaparecendo tres veces máis rápido que os bosques.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels