- Co apoio de Sogama, e baixo a coordinación e supervisión de Pedro Cantero, director da Escola de Adultos, a profesora Lucía Rodil é a encargada de tutelar o taller de costura no que cada día os alumnos poñen en valor restos de batas e teas vaqueiras.
- Dados os bos resultados, a Unidade Terapéutica Educativa (UTE) do centro tamén se sumou a esta iniciativa coa axuda da docente Jenifer Gago.
- Ademais de facer fronte ao exacerbado consumo de bolsas plásticas dun só uso, apostando por alternativas máis sostibles, as bolsas monterrosinas contan co valor engadido: ser confeccionadas por persoas que aspiran a reinserirse na sociedade coas maiores garantías posibles.
Cerceda, a 5 de novembro de 2019.- O proxecto “Unha segunda oportunidade”, apoiado por Sogama, xa está dando os seus froitos e o labor dos alumnos e profesores no seu taller de costura comeza a visualizarse.
Os datos falan por si sós: 100 bolsas reutilizables elaboradas a man por parte dos internos do centro penitenciario de Monterroso (Lugo) e empregando como única materia prima restos de batas e teas vaqueiras. O aparentemente inservible transfórmase en algo útil e duradeiro, contribuíndo desta forma a preservar os recursos.
Baixo a coordinación e supervisión de Pedro Cantero, director da Escola de Adultos, a profesora Lucía Rodil é a encargada de organizar e tutelar o taller de costura no que cada día os participantes se afanan en dar forma ao que, ata entón, carecía de valor. As súas habilidades manuais coas máquinas de coser perfeccionáronse coa práctica e a produción creceu de forma exponencial nos últimos meses.
Dados os bos resultados, a Unidade Terapéutica Educativa (UTE) do centro tamén se sumou a esta iniciativa e, desde o pasado verán, os seus usuarios fabrican bolsas de tea reutilizables, neste caso coa axuda da profesora Jenifer Gago.
Con este proxecto, ademais de contribuír á formación dos internos, a Escola do Penal pretende participar de forma activa na loita que se vén librando contra as bolsas plásticas de usar e tirar, apostando por alternativas máis respectuosas co medio ambiente.
As bolsas monterrosinas teñen o seu propio selo e estilo, co valor engadido de ter sido confeccionadas por persoas que aspiran a reinsertarse na sociedade coas maiores garantías posibles.
A saída que se dará a esta partida de bolsas, aínda está pendente de estudo. O centro inclínase por levar a cabo algunha actividade cun fin solidario.
EDUCACIÓN CON MAIÚSCULAS
Pero o programa de educación ambiental do penal de Monterroso non se limitou a este proxecto senón que, de forma paralela, os docentes estiveron traballando noutras accións formativas e de concienciación vinculadas á redución do desperdicio alimentario, á elaboración de compost e ao mantemento do seu invernadoiro e horta, onde cultivan distintos produtos tales como froitas, verduras, hortalizas e herbas aromáticas.
Pedro Cantero repíteo ata a saciedade: “Todo o que facemos está focalizado cara á reinserción social e por isto o noso traballo susténtase na educación en valores para a vida”.
O estudo, o traballo, o esforzo, a empatía, a solidariedade e o respecto son algúns dos valores inherentes a todas e cada unha das actividades desenvolvidas desde este centro modélico que xa se converteu en punto de referencia polo seu programa pedagóxico único e singular.
Saúdos, Departamento de Comunicación