
-
Centrados maioritariamente en servizos de augas residuais e xestión de residuos, foron mobilizados por empresas, supoñendo o 60% do total
Cerceda, a 11 de xuño de 2024.-Eurostat estima que, en 2023, os países da UE investiron ao redor de 67.000 millóns de euros en activos esenciais para prestar servizos de protección ambiental, principalmente de tratamento de augas residuais e xestión de residuos.
Ao redor de 40.000 millóns de euros (o 60% do total) foron investidos por empresas, tanto por parte de provedores especializados como por outras compañías que compran tecnoloxías e equipos cuxa función é reducir as presións ambientais derivadas do seu proceso de produción. Os gobernos e o sector de entidades sen ánimo de lucro representaron o 40% restante.
A porcentaxe de investimentos en protección ambiental sobre o total foi de aproximadamente o 1,8%, e, máis concretamente, o 1,7% de todos os investimentos das empresas e o 4,5% de todos os investimentos do goberno xeral.
Os servizos de augas residuais e de xestión de residuos representaron o pasado ano o 41,6% e o 26,6% respectivamente do total de investimentos en coidado do medio ambiente, supoñendo a protección do aire o 10,4%, e a administración xeral do medio ambiente, a I+D e a protección contra as radiacións, o 8,4%; a biodiversidade e a protección da paisaxe, o 6,4%; a protección do solo e augas subterráneas, o 5,6%, e a redución do ruído, o 1,1% restante.
Fonte: Eurostat
Imaxe: Pixabay