- Ademais de estar presentes na cadea alimentaria humana, as persoas poden inhalar microplásticos do aire, inxerilos da auga e absorbelos a través de produtos para a pel
- Filtros de cigarros, téxtiles e cosméticos son os principais produtos que desprenden microplásticos
- Co fin de facer fronte a esta problemática, a campaña Mares Limpos da ONU pretende impulsar o cambio, tanto para os consumidores como para os responsables políticos e as empresas
Cerceda, a 18 de xullo de 2023.- Unha das consecuencias máis nocivas e duradeiras da crise derivada da contaminación por plásticos son os microplásticos, representando actualmente unha ameaza crecente para o planeta e a saúde das persoas.
Estas diminutas partículas de plástico, que poden ter ata 5 milímetros de diámetro, están presentes en artigos de uso cotián como cigarros, roupa e cosméticos que, cando se liberan ao medio, son inxeridas pola vida mariña (aves, peces, mamíferos e plantas), provocando efectos de carácter tóxico e mecánico.
Así mesmo, chegan ás persoas a través da cadea alimentaria, do aire, da auga e absorbelos a través de produtos para a pel.
Filtros de cigarros, téxtiles e cosméticos
Os microplásticos coñecidos como fibras de acetato de celulosa, constitúen a maior parte dos filtros de cigarros, sendo as cabichas o residuo plástico máis común nas praias, o que fai que os ecosistemas mariños sexan moi susceptibles ás mesmas.
Pola súa banda, os plásticos coma o poliéster, o acrílico e o nailon constitúen aproximadamente o 60% de todo o material utilizado para confeccionar roupa. Como consecuencia da fricción e abrasión cando se lavan ou levan postas, as pezas de vestir e os téxtiles desprenden microplásticos coñecidos como microfibras.
Para reducir estas perdas, os expertos recomendan volver a usar a roupa máis a miúdo e lavala con menos frecuencia. Á hora de comprar roupa nova, recoméndase optar por materiais naturais de orixe sostible.
Igualmente, os cosméticos e os produtos de coidado persoal (desde o desinfectante de mans e o xabón ata a pasta de dentes e o desodorizante), adoitan conter microplásticos primarios, que se fabrican e engaden intencionadamente co fin de dar textura. As partículas de plástico destes artigos poden ser absorbidas pola pel ou, no caso dos pintalabios e bálsamos labiais, inxeridas directamente. Os microplásticos que permanecen na pel acaban sendo arrastrados polo desaugadoiro e poden chegar aos océanos.
Un informe do PNUMA sinala que algúns exfoliantes conteñen máis dun 10% de microperlas, un tipo de microplástico primario.
Reverter a marea
Para facer fronte a esta situación, a campaña Mares Limpos pretende impulsar o cambio, tanto para os consumidores como para os responsables políticos e as empresas.
As súa asociación con diversas organizacións e empresas poden fomentar cambios no estilo de vida e na industria e dar maior impulso a investigacións esenciais. Así mesmo, pode reforzar os nosos limitados coñecementos sobre o verdadeiro impacto dos microplásticos na saúde humana e axudar a identificar as mellores estratexias a seguir.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente