-
Educadores de Sogama desprazáronse á residencia da terceira idade de Vilalba (Lugo) para compartir con preto de 50 usuarios unha xornada formativa e lúdica centrada na correcta xestión dos residuos
-
Improvisouse un tempo de coloquio e diálogo que foi altamente enriquecedor e no que os maiores achegaron as súas experiencias e vivencias, enmarcadas na cultura do máximo aproveitamento
Cerceda, a 12 de xuño de 2024.- Os nosos maiores constitúen todo un exemplo de compromiso ambiental e social. Así se puido constatar, unha vez máis, na residencia da terceira idade de Vilalba (Lugo), a onde se trasladaron os educadores de Sogama para compartir con eles unha xornada formativa e lúdica centrada na xestión sostible dos residuos municipais.
Cun aforo próximo aos 50 usuarios, estes destacaron pola súa elevada participación e implicación, amosando en todo momento a súa solidariedade coas novas xeracións para garantir un futuro máis habitable e sostible. Son conscientes de que, para conseguilo, é necesario que as sociedades modernas cambien hábitos e comportamentos, sendo o máis importante o da prevención e a redución de residuos a través da cultura do máximo aproveitamento, da que saben moito. Insisten en que as malas prácticas de usar e tirar deben dar paso ás propias dun consumo comedido, consciente e informado; tamén á reutilización, alongando ao máximo a vida útil dos produtos, e á reciclaxe, é dicir, que unha vez convertidos en residuos, se separen por tipoloxías e se introduzan no contedor correspondente para garantir a súa transformación en novas materias primas.
Con todo, os residentes tamén se interesaron por coñecer a rastrexabilidade dos refugallos desde que se xeran ata que se valorizan, de aí o seu interese na actividade de Sogama. Desta forma, explicóuselles con detalle o labor desta empresa pública, as fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia (bolsa amarela, negra e marrón), a súa infraestrutura industrial e, en definitiva, o seu traballo, orientado a posibilitar a reciclaxe dos residuos que cumpran coas características para isto, e a recuperar enerxeticamente a parte non reciclable mediante a súa conversión en electricidade.
Mostráronse moi agradecidos pola visita de Sogama, da que aprenderon e gozaron.
Saúdos, Departamento de Comunicación