- Así o indicou Pedro Cantero, director da Escola de Adultos do Centro Penitenciario de Monterroso, nunha entrevista concedida á Cadea Ser con motivo do desenvolvemento da campaña “Unha segunda oportunidade”
- No marco da mesma, os alumnos elaboraron, de forma artesanal e baixo a coordinación da profesora Lucía Rodill, bolsas de tea reutilizables a partir de prendas fóra de uso, fundamentalmente teas de pantalóns vaqueiros e de batas
- Estas bolsas foron entregadas gratuitamente aos transeúntes nunha carpa habilitada por Sogama fronte á Praza de Abastos de Lugo, dando visibilidade a unha iniciativa cunha gran carga ambiental e social.
Cerceda, a 20 de xullo de 2022.- En declaracións á cadea Ser, Pedro Cantero, director da Escola de Adultos do centro penitenciario de Monterroso (Lugo), explicou os pormenores dun dos últimos programas ambientais que levaron a cabo durante este curso académico baixo o lema “Unha segunda oportunidade”.
No marco do mesmo, os alumnos, baixo a coordinación e supervisión da profesora Lucía Rodill, elaboraron de forma artesanal bolsas de tea reutilizables a partir de prendas fóra de uso, fundamentalmente pantalóns vaqueiros e batas. A razón de optar por este tipo de téxtil debeuse, tal e como precisou Cantero, é que “se trata de teas fáciles de coser e tamén resistentes”.
Se ben unha boa parte do traballo xa estaba culminado hai máis de dous anos, co impacto da pandemia tiveron que pospoñer a presentación do mesmo. Con todo, e lonxe de que esta tarefa quedara no esquecemento, os internos continuaron operando no seu taller de costura e os resultados do seu esforzo e dedicación mostráronse o pasado mes de xuño nunha carpa habilitada por Sogama, e situada fronte á Praza de Abastos de Lugo, desde a cal repartiron gratuitamente entre os transeúntes as bolsas exclusivas ás que dedicaron tanto esforzo.
Para o director da Escola, o máis relevante é ter tido a oportunidade de dar visibilidade a unha iniciativa na que puxeron moitas expectativas e coa que pretenden trasladar unha mensaxe crave e é que “detrás de cada bolsa hai unha persoa que dedicou boa parte do seu tempo a elaborala” e que, polo tanto, achegou o seu gran de area na protección do medio ambiente.
REEDUCAR PARA CONVIVIR
“Unha segunda oportunidade” representa en certa forma o proceso de reeducación que seguen os internos para propiciar a súa reinserción social. Como todos os programas desta tipoloxía materializados no centro, esixe traballar en equipo, con toda a complexidade que iso conleva, pero que, a xuízo de Cantero, resulta esencial, xa que a reincorporación á vida social esixe convivencia, tolerancia e colaboración. “É necesario que no centro penal leven a cabo actividades que xeren traballo e ocupación”, subliñou.
A escola do penal monterrosino ten xa unha dilatada experiencia en educación ambiental que outros centros copiaron. A súa primeira incursión neste ámbito veu da man dun proxecto europeo sobre desenvolvemento sostible no que participaron activamente. A partir de aí sumaron sucesivas iniciativas como foi a reciclaxe de entre 5.000 e 6.000 botellas de plástico para construír un invernadoiro, a posta en marcha dunha horta ecolóxica, así como a implantación da recollida selectiva de residuos en distintos módulos, contando estes con contedores amarelos (para envases de plástico, latas e briks) e azuis (para o papel e cartón).
Tamén dispoñen de composteiros e vermicomposteiros, que alimentan coa materia orgánica xerada nos comedores, obtendo un abono natural de alta calidade que aplican nas súas hortas para fertilizar plantas e cultivos. De feito, publicaron un libro sobre esta experiencia, e tamén se implicaron nun maior aproveitamento da comida para evitar que esta acabase no cubo do lixo. Un labor que plasmaron nun receitario dixital baixo o título “Saborosa reciclaxe”.
Saúdos, Departamento de Comunicación