- O PNUMA desenvolveu unha folla de roteiro para reducir as emisións en todos os sectores, en consonancia cos compromisos do Acordo de París e en favor da estabilidade climática
- Os seis sectores identificados son: enerxía; industria; agricultura e alimentación; bosques e uso do solo; transporte; e edificios e cidades
Cerceda, a 25 de outubro de 2023.- Se ben o mundo padeceu unha nova serie de fenómenos meteorolóxicos extremos, unha das tendencias máis preocupantes foi o que os científicos denominaron como “onda de calor oceánica sen precedentes en todo o planeta”.
O pasado mes de xuño rexistráronse as temperaturas medias máis altas da historia na superficie dos océanos, con récords locais desde Irlanda ata a Antártida. As razóns obedecen, segundo os expertos, a unha combinación de factores: desde a crise climática ata os ventos sobre o deserto do Sáhara.
A medida que a humanidade queima combustibles fósiles, a atmosfera recibe cantidades inxentes de gases de efecto invernadoiro que quentan o planeta e gran parte desa calor é absorbida polo océano. Isto non só provoca un aumento das temperaturas mariñas, senón que tamén fai que o océano sexa menos eficaz na absorción de dióxido de carbono, deixando que máis gases de efecto invernadoiro penetren na atmosfera.
Pola súa banda, os ventos, máis débiles que a súa media habitual, reduciron a cantidade de po sahariano na atmosfera, que adoita diminuír a temperatura do mar ao bloquear parte da enerxía solar.
O aumento das temperaturas mariñas pode ter un efecto devastador na vida mariña, e xa se produciron mortandades masivas de animais e plantas. Así mesmo, provocan a proliferación de algas nocivas, o blanqueamento dos corais, o desprazamento de especies mariñas (que buscan augas máis frías) e a interrupción das cadeas alimentarias. Tamén pode prexudicar ás zonas terrestres, xa que provoca fenómenos meteorolóxicos extremos, como tormentas e furacáns.
A medida que aumenta a temperatura da auga (e a temperatura media dos océanos subiu 1,5ºC no último século), redúcese a capacidade dos ecosistemas mariños de absorber os aumentos locais de temperatura, o que, á súa vez, incrementa aínda máis a probabilidade de que se produzan novas ondas de calor mariñas.
A Antártida, que desempeña un papel vital na regulación do sistema climático da Terra, é cada vez máis vulnerable ás ondas de calor mariñas, perdendo, desde 1992, ao redor de 100.000 millóns de toneladas de xeo ao ano.
Menos xeo mariño, non só implica posibles crecidas do nivel do mar no futuro, senón que significa que hai menos xeo para reflectir a enerxía do sol, o que desemboca en temperaturas máis altas do mar e ondas de calor mariñas máis frecuentes, un círculo vicioso que podería carrexar graves consecuencias a escala mundial.
A solución de seis sectores
O PNUMA encabeza o apoio ao obxectivo do Acordo de París de frear o incremento da temperatura mundial moi por baixo dos 2 °C, e aspirar a alcanzar os 1,5 °C, en comparación cos niveis preindustriais. Para isto, desenvolveu a Solución dos Seis Sectores, unha folla de roteiro para reducir as emisións en todos os sectores en consonancia cos compromisos do Acordo de París e en favor da estabilidade climática. Os seis sectores identificados son: enerxía; industria; agricultura e alimentación; bosques e uso do solo; transporte; e edificios e cidades.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels