- Así se recolle nun informe publicado recentemente polo Panel Internacional de Recursos, no que se prevé que a extracción de materiais aumente un 60% de aquí a 2060, podendo facer fracasar os esforzos para acadar, non só os obxectivos mundiais en materia de clima, biodiversidade e contaminación, senón tamén a prosperidade económica e o benestar humano
- Con todo, o documento tamén alude a que a implementación dunha serie de cambios sistémicos levaría á extracción de recursos ao seu punto máximo en 2040 e, a partir de aí, reduciríase antes de 2060 a tan só un 20% por riba dos niveis de 2020
Cerceda, a 3 de abril de 2024.- A extracción dos recursos naturais da Terra triplicouse nos últimos 50 anos e, segundo un informe publicado recentemente polo Panel Internacional de Recursos e auspiciado polo PNUMA (Panorama dos Recursos Globais 2024), prevese que a extracción de materiais aumente un 60% de aquí a 2060, podendo facer fracasar os esforzos para acadar non só os obxectivos mundiais en materia de clima, biodiversidade e contaminación, senón tamén a prosperidade económica e o benestar humano.
O informe asegura que se ocasionaron graves impactos ambientais debido ao incremento do uso de recursos desde 1970, que pasou de 30.000 a 106.000 millóns de toneladas, é dicir, de 23 a 39 kg de materiais usados ou consumidos por persoa e día. En conxunto, a extracción e o procesamento de recursos provoca máis do 60% das emisións que quentan o planeta e do 40% dos impactos da contaminación atmosférica relacionados coa saúde.
É por iso que o documento urxe a que se introduzan cambios radicais nas medidas políticas que permitan á humanidade vivir dentro das súas posibilidades e reducir nun terzo o crecemento previsto na explotación e uso dos recursos, á vez que se impulsa a economía, se mellora o benestar e redúcense ao mínimo as repercusións ambientais.
Os países de ingreso medio-alto duplicaron con fartura o uso de recursos nos últimos 50 anos debido ao seu propio crecemento en infraestruturas e ao traslado de procesos intensivos en recursos desde os países de ingreso alto. Ao mesmo tempo, o uso de recursos per cápita e os impactos ambientais relacionados nos países de ingresos baixos mantivéronse case sen cambios desde 1995.
Recomendacións
Incorporar as externalidades ambientais nos acordos comerciais, reforzar a regulación dos mercados financeiros de materias primas e poñer en marcha políticas de axuste fronteirizo relacionadas co impacto, son só algunhas das solucións coas que os países poden evitar unha competición á baixa nas normas ambientais e sociais relativas á extracción de recursos e, ao mesmo tempo, reter e aproveitar ao máximo o valor dos procesos de extracción no país.
A implementación conxunta de políticas capaces de transformar a contorna urbanística, a mobilidade, a alimentación e os sistemas enerxéticos, daría lugar a un aumento das enerxías renovables e a eficiencia enerxética, a descarbonización da produción de materiais, cidades máis transitables, adaptadas a ciclistas e con mellor transporte público, así como oportunidades de traballo a distancia e unha redución da perda e o desperdicio de alimentos.
Prevese que estes cambios sistémicos leven á extracción de recursos ao seu punto máximo en 2040 e, a partir de aí, se reduza antes de 2060 a tan só un 20% por riba dos niveis de 2020. As emisións de gases de efecto invernadoiro reduciríanse en máis dun 80%, as reservas de materiais relacionados co transporte e os materiais de construción reduciríanse nun 50% e un 25%, respectivamente, e o uso da terra para a agricultura diminuiría nun 5%. Ao mesmo tempo, a produción de alimentos aumentaría un 40%, mesmo alí onde hai crecemento e seguridade alimentaria, a economía mundial crecería un 3%, e o Índice de Desenvolvemento Humano melloraría un 7%, impulsando os ingresos e o benestar.
Dado que ata o de agora non se cumpriron moitos dos compromisos políticos que os países asumiron nos AMUMA, e tendo en conta a urxencia da tripla crise planetaria, o informe apoia a adopción de medidas inmediatas, seguindo o principio de "os mellores coñecementos científicos dispoñibles".
Fonte: UNEP
Imaxe: Pixabay