- Fixérono, unha vez máis, no marco da festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, que tivo lugar no día de onte, 16 de xullo.
- Un total 2.600 mariñeiros presentes en 40 portos de Galicia, Murcia, Valencia e Cataluña, participan activamente no proxecto “Upcycling the Oceans” a fin de recuperar os residuos que nunca deberon acabar no mar e darlles unha segunda vida mediante a reciclaxe.
- Desde 2016, sacaron máis de 450 toneladas de lixo dos fondos mariños españois.
Cerceda, a 17 de xullo de 2020.- No marco da festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, celebrada onte, 16 de xullo, os pescadores que participan na iniciativa “Upcycling The Oceans”, quixeron volver a recordar a importancia de concienciar a toda a sociedade para evitar o lixo mariño.
Un total de 2.600 mariñeiros “heroes do mar” participan activamente neste programa, cuxo obxectivo é recuperar os residuos que nunca deberon acabar no mar e darlles unha segunda vida mediante a reciclaxe.
Os pescadores implicados nesta iniciativa, e presentes xa en 40 portos pesqueiros de Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Rexión de Murcia, poñen de manifesto a importancia de reciclar e a necesidade de ser máis conscientes do impacto dos nosos actos na natureza.
Cada día, e de xeito desinteresado, recollen os residuos que atopan nas redes e transpórtannos nos seus barcos para, unha vez que chegan a porto, se depositen nos contedores facilitados polo proxecto. Posteriormente clasifícanse por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado. Concretamente o PET transfórmase en fío e tecidos de primeira calidade para fabricar produtos téxtis por parte da empresa de moda sostible Ecoalf.
Desde que Ecoembes se sumou ao proxecto en 2016 (Fundación Ecoalf comezouno no 2015) e grazas ao gran labor dos pescadores, conseguiuse retirar do mar máis de 450 toneladas de lixo, evitando a contaminación asociada ao mesmo.
Fonte: Ecoembes
Imaxe: Pixabay