- Tres novos portos pesqueiros (Celeiro, Burela e Corme) sumáronse ao proxecto “Upcycling The Oceans”, que ten por obxecto loitar contra os residuos e conservar os océanos.
- Xa son 85 os barcos galegos que participan nesta iniciativa, que arrincou na nosa comunidade o pasado ano, propiciando a recollida e posterior recuperación de 1.105 quilos de refugallos, dos cales 787 quilos eran plásticos.
- Os residuos son transportados a porto, onde se depositan de forma diferenciada nos correspondentes contedores para posibilitar a súa reciclaxe.
- O plástico PET convértese en granza que permite a elaboración dun fío de polyester 100% reciclado co que a marca de moda sostible ECOALF fabrica os seus produtos.
Cerceda, a 27 de agosto de 2019.- Co apoio de Portos de Galicia, tres novos portos pesqueros galegos, isto é, Celeiro, Burela e Corme, sumáronse ao proxecto “Upcycling The Oceans”, que naceu no seu momento da man da Fundación Ecoalf, co apoio de Ecoembes, a fin de loitar contra o lixo mariño e propiciar a conservación dos océanos e os seus ecosistemas.
Calcúlase que cada ano acaban no mar en torno a 8 millóns de toneladas de plástico e o 75% aséntase nos fondos mariños, co conseguinte impacto ambiental.
Upcycling The Oceans pretende atallar este problema recollendo lixo do mar coa inestimable colaboración dos barcos pesqueiros a fin de que este poida ser reciclado e tranformado posteriormente en tecidos.
Xa son 85 os barcos galegos os que participan nesta iniciativa: 14 da Coruña, 7 arrastreiros en Burela, preto de 50 embarcacións de Celeiro e 14 de Corme.
Cada porto conta con contedores específicos para que os máis de 1.380 pescadores que colaboran nesta iniciativa poidan segregar os refugallos recollidos e propiciar a súa recuperación, dándolles unha segunda vida.
O proxecto arrincou en Galicia en 2018, concretamente no porto da Coruña, e grazas á colaboración de 140 pescadores distribuídos en 14 barcos, o pasado ano conseguiuse recoller 1.105 quilos de residuos, dos que 787 quilos eran plásticos.
A nivel nacional, a cifra ascendeu a 140 toneladas de lixo. Na actualidade “Upcycling The Oceans” conta con la colaboración de máis de 3.700 pescadores e 620 barcos en 40 portos do Mediterráneo, o Golfo de Cádiz e Galicia.
UNHA NOVA VIDA
O ciclo da reciclaxe dos residuos mariños comeza polos propios pescadores, os cales, no marco do seu traballo diario, encárganse de recoller os refugallos que se atopan nas redes para levalos a porto e depositalos de forma diferenciada nos contedores proporcionados polo proxecto, garantindo en todo momento a súa trazabilidade.
Desde alí transpórtanse ata unha planta de selección, onde se separan por tipoloxías de material. En concreto, o plástico PET trátase posteriormente para converterse en granza que permite a elaboración dun fío de polyester 100% reciclado co que a marca de moda sostible ECOALF fabrica os seus produtos.
Fonte e imaxe: Ecoticias e Ecoalf
Saúdos, Departamento de Comunicación