- Promovido pola Federación Nacional de Confradías de Pescadores, contempla o desenvolvemento dunha aplicación (APP) mediante a cal se dean avisos de episodios de contaminación por residuos mariños.
- A información proporcionada integrarase nunha base de datos nacional que poida ser usada pola comunidade científica para estudar medidas coas que facer fronte a esta problemática, prestando especial atención ás áreas mariñas da Rede Natura 2000.
Cerceda, a 28 de febreiro de 2020.- Ao longo do tempo, os profesionais da pesca costeira artesanal ou de pequena escala veñen comprobando por si mesmos a evolución, en cantidade e forma, dos residuos que van parar ao mar. Ademais de ser observadores directos deste fenómeno, tamén son vítimas dunha situación que pon en perigo a súa subsistencia, xa que dependen do estado do ecosistema no que actúan para poder desenvolver a súa actividade con garantías.
Tomando como referencia este escenario, urxe un cambio de hábitos na relación co mar, xa que non pode continuar a ser o gran vertedoiro da humanidade. Todas as iniciativas que velen polo benestar dos océanos son benvidas e os propios mariñeiros artesanais puxéronse mans á obra a través do desenvolvemento dun proxecto “Vixiamar” co que se busca a formación, implicación e concienciación do sector da pesca para facer fronte á contaminación do mar e costas.
Os profesionais da pesca pretenden converterse así en parte da solución e, con tal fin, promoven un proxecto que contempla o desenvolvemento dunha aplicación (APP) mediante a cal se dean avisos de episodios de contaminación por residuos mariños, información que se integrará nunha base de datos nacional que poida ser usada pola comunidade científica para estudar medidas coas que abordar esta problemática.
A Federación Nacional de Cofradías de Pescadores eríxese na entidade que dinamiza esta iniciativa, pretendendo involucrar na mesma aos profesionais que están agrupados en confrarías de pescadores de España, para que tomen parte activa no reto de facer fronte á crecente contaminación das nosas costas, prestando especial atención ás áreas mariñas da Rede Natura 2000.
Fonte: Federación Nacional confrarías de Pescadores
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación