- Entre as principais medidas adoptadas polos PEP destacan a redución do peso dos envases de vidro, a eliminación de elementos do envase, o maior uso de materiais reciclados, a mellora da reciclabilidade dos envases ou o emprego de enerxía renovable
Cerceda, a 25 de novembro de 2022.- Como parte do seu compromiso coa economía circular, Ecovidrio conta cunha estratexia de prevención e ecodeseño para axudar ás empresas envasadoras a reducir o impacto ambiental dos envases de vidro desde as fases de deseño e produción.
A principal liña de actuación son os Plans Empresariais de Prevención (PEP), que teñen carácter trianual. Grazas ás medidas desenvolvidas no trienio vixente (2020-2022), evitouse a xeración de máis de 8.000 toneladas de residuos, así como a emisión de 987.982 toneladas de CO2 á atmosfera e aforráronse 774.724 kWh de consumo enerxético.
Para a elaboración dos seus PEP, Ecovidrio contou coa colaboración dos axentes da cadea de reciclaxe de envases de vidro e a industria envasadora. Ata o de agora, son xa 354 as compañías envasadoras pertencentes aos sectores da cervexa, da sidra e do viño e bebidas espirituosas, que se adheriron aos PEP 2020-2022. Ademais, puxéronse en marcha un total de 685 medidas e realizáronse máis de 1.300 chamadas ás empresas para revisar a implantación das mesmas. Adicionalmente, organizáronse máis dunha trintena de visitas ás plantas de envasado da man de expertos en ecodeseño para prestarlles asesoramento personalizado.
Entre as principais medidas adoptadas polas empresas destacan a redución do peso dos envases de vidro, a eliminación de elementos do envase (como as etiquetas de papel, os collaríns ou as cápsulas plásticas), o maior uso de materiais reciclados, a mellora da reciclabilidade dos envases ou o emprego de enerxía procedente de fontes renovables.
A comezos de 2023 lanzaranse os novos Plans Empresariais de Prevención para o próximos cinco anos.
GUÍAS DE ECODESEÑO
A prevención e o ecodeseño dos envases desde a orixe, así coma o reaproveitamento dos residuos, son fundamentais para alcanzar a transición cara a un modelo de economía circular. Como parte desta aposta polo ecodeseño, Ecovidrio está a traballar da man das compañías envasadoras para desenvolver guías de ecodeseño para os sectores da cervexa, da sidra, do viño e das bebidas espirituosas. A través destas guías, Ecovidrio recompila as mellores prácticas do mercado e o coñecemento técnico máis punteiro para facilitar a implementación de medidas de ecomodulación.
Fonte e imaxe: Retema