- A xuízo dos expertos que participaron recentemente no II Cume de Economía Circular, celebrado en formato virtual, urxe cambiar o sistema de produción de plásticos, a súa regulación e hábitos de consumo, así como incorporar este material ao modelo de economía circular.
- Un dos relatores sinalou que a recuperación económica tras a pandemia pode representar unha oportunidade para un “aproveitamento integral dos recursos” que permitiría alcanzar unha maior eficiencia económica e un crecemento inclusivo “que mesmo pode xerar novos empregos”.
Cerceda, a 21 de xuño de 2021.- Tal e como se deixou constancia no II Cume de Economía Circular, celebrado recentemente en formato dixital, urxe cambiar o sistema de produción de plásticos, a súa regulación e hábitos de consumo, así como incorporar este material ao modelo de economía circular. Un dos expertos participantes na xornada sinalou que os plásticos “tal e como os coñecemos, están a cambiar e que, cada vez, as empresas mostran maior interese na reciclaxe dos seus produtos”.
Así mesmo, apuntou que a circularidade require dun compromiso baseado no desenvolvemento dunha nova industria, se ben na actualidade aínda non hai suficientes materiais reciclados que permitan deixar atrás o modelo extractivo lineal.
Outro dos relatores manifestou que a recuperación económica tras a crise sanitaria xerada pola COVID-19 pode supoñer unha oportunidade para un “aproveitamento integral dos recursos” que permitiría alcanzar unha maior eficiencia económica e un crecemento inclusivo “que mesmo pode xerar novos empregos”. E un factor “vital” para conseguir a transformación do modelo é un aproveitamento axeitado dos fondos europeos ‘Next Generation’, que deben destinarse a “aumentar a produtividade da economía española”, reducindo así a súa vulnerabilidade fronte a crises futuras.
A xornada contou coa participación de expertos como a portavoz da Fundación Ellen McArthur, Marilyn Martínez, e a directora de sostibilidade de Ikea España Mónica Chao, entre outros.
A moderadora do cume, a xornalista Marta García Aller, lembrou que cada ano vértense en mares e océanos 8 millóns de toneladas de residuos plásticos “poñendo en perigo a saúde dos ecosistemas e a supervivencia das especies que os habitan”. Igualmente, defendeu a necesidade de “abordar o problema desde a colaboración” para materializar o obxectivo “ambicioso, pero non imposible” da economía circular.
Fonte: Xestores de Residuos
Imaxe: Pexels