- Impulsado pola Fundación Ecoalf e Ecoembes, o obxectivo desta iniciativa é colaborar na limpeza dos océanos e dar unha segunda oportunidade aos residuos recollidos no mar
- Xa son 8 os portos da comunidade adscritos a Upcycling the Oceans e máis de 400 os pescadores galegos que colaboran ao fronte de máis dun cento de barcos, conseguindo recuperar o pasado ano 431 kg de lixo mariño
- Segundo os promotores, Galicia é unha das comunidades que máis colabora nesta iniciativa
Cerceda, a 5 de novembro de 2024.- En días pasados, os portos de Marín e Vigo formalizaron a súa incorporación ao proxecto Upcycling the Oceans, promovido por Ecoembes e a Fundación Ecoalf, e apoiado pola Xunta. De feito, Galicia é unha das comunidades que máis colabora nesta iniciativa.
O acto contou coa participación de Andrea Ruzo, directora xeral da Fundación Ecoalf; Rosa Chavarri, responsable de proxectos do Departamento de Recollidas Fóra do Fogar de Ecoembes; José Benito Suárez, presidente da Autoridade Portuaria de Marín; e Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo,
Upcycling the Oceans axuda a recuperar aqueles residuos que nunca deberon acabar no mar para darlles unha segunda vida mediante a reciclaxe e a economía circular. E para que isto sexa posible, o proxecto conta co compromiso e a implicación dos pescadores, os cales, de maneira altruísta, encárganse de levar a terra o lixo atrapado nas súas redes para que poida ser recuperado, evitando o seu impacto nos fondos mariños.
Desde que a iniciativa arrincou en Galicia en 2018, xa son 8 os portos galegos que participan no proxecto e máis de 400 pescadores ao fronte dun cento de barcos da Coruña, Burela, Celeiro, Combarro, Corme, Marín, Sanxenxo e Vigo, conseguindo recoller, en 2023, un total de 431 quilos de residuos mariños
A nivel nacional, ese mesmo ano recolléronse 154.896 quilos de residuos dos fondos mariños españois, contando coa inestimable colaboración de preto de 2.600 pescadores que operan en máis de 600 barcos pesqueiros, principalmente de arrastre, situados en 45 portos pesqueiros repartidos por cinco comunidades autónomas: Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Región de Murcia.
Xestión do lixo mariño
Upcycling the Oceans nace con 3 obxectivos: axudar ao pescador na recollida do lixo mariño que quedan atrapado nas súas redes, favorecer a circularidade dos residuos a través da reciclaxe e previr que continúe a chegada de refugallos aos océanos a través da concienciación e o coñecemento científico.
Unha vez regresan ao porto, os pescadores depositan o lixo mariño nos contedores específicos facilitados polo proxecto, para que sexan transportados ás plantas de separación onde se clasifican, favorecendo o seu posterior tratamento.
No caso dos residuos de plástico PET, unha vez transformados en granza, son tratados e convertidos no Fío Mar de Mar, para a elaboración de produtos de moda Ecoalf, un poliéster 100% reciclado que se utiliza para confeccionar produtos coa mesma calidade e deseño que os mellores non reciclados.
O resto dos residuos son seleccionados e enviados ás súas canles de reciclaxe correspondentes, dándolles unha segunda vida.
Información para a ciencia
Outra das achegas deste proxecto é a obtención de información para o estudo científico no que participan os propios pescadores en base á cantidade, localización e dispersión do lixo mariño. Grazas a isto, enriquécese tamén o coñecemento que existe sobre esta problemática e contribúese á procura de solucións preventivas
En concreto, o proxecto realiza, en 14 portos da rede, análise dos residuos recollifod en colaboración coa plataforma Marnoba, proporcionando datos sobre a cantidade, localización e distribución dos refugallos, así como a súa orixe.
Fonte e imaxe: Ecoembes