- Promovido por Ecoembes e Ecoalf, esta iniciativa encárgase de recuperar aqueles residuos que nunca deberon acabar no mar para darlles unha segunda vida mediante a reciclaxe e a economía circular
- En concreto, o pasado ano recolléronse un total de 709 quilos de residuos dos fondos mariños da comunidade galega
- Coas dúas últimas incorporacións, xa son 6 os portos galegos que participan no proxecto
Cerceda, a 29 de marzo de 2023.- Toneladas de lixo acaban cada ano nos océanos, ameazando a biodiversidade mariña e provocando danos na saúde das persoas e no planeta. Neste marco, púxose en marcha o proxecto Upcycling the Oceans, promovido por Ecoembes e Fundación Ecoalf, a fin de ser parte da solución.
Como mostra do compromiso de Galicia con esta iniciativa, esta mañá anunciouse, nun acto no que participou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, a incorporación á mesma do porto de Sanxenxo e a Confraría de Pescadores de Raxó, que atraca no Porto de Combarro.
Upcycling the Oceans encárgase de recuperar aqueles residuos que nunca deberon acabar no mar para darlles unha segunda vida mediante a reciclaxe e a economía circular. Para que isto sexa posible, o proxecto conta co compromiso e a colaboración dos pescadores, os cales, de maneira altruísta, encárganse de levar a terra o lixo mariño recuperado nas súas redes para que poida ser reciclado e transformado en materia prima.
Desde que o proxecto arrincou en Galicia, en 2018, contou co apoio de Portos do Estado, Asociacións de Armadores de Buques de Pesca, Confrarías de Pescadores, Organizacións de produtores pesqueiros e de Portos de Galicia. Coas dúas últimas incorporacións, xa son 6 os portos galegos que participan no proxecto e 265 pescadores da comunidade os que están ao fronte de 92 barcos (17 arrastreiros e 75 barcos doutras artes). En concreto, o pasado ano recolléronse un total de 709 quilos de residuos dos fondos mariños da comunidade galega. A nivel nacional, a recollida ascendeu a 189.844 quilos, contando para isto coa inestimable colaboración de preto de 2.600 pescadores que estiveron ao fronte de máis de 600 barcos pesqueiros, principalmente de arrastre, situados en 45 portos pesqueiros repartidos por cinco comunidades autónomas: Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Región de Murcia.
COÑECEMENTO COMO BASE DA ACCIÓN
Outras das claves Upcycling The Oceans é a obtención de información a través do estudo do lixo recuperado do mar para enriquecer o coñecemento que existe sobre este problema e contribuír á procura de solucións. Así, analízanse os residuos a través da Plataforma MARNOBA da Asociación Vertidos Cero, que recompila, almacena e traslada información sobre os refugallos mariños das costas e os mares de España.
Bolsas da compra, de conxelados, latas de bebida ou téxtil son algúns exemplos de lixo mariño recuperado polos pescadores de Upcycling The Oceans durante o pasado ano en Galicia. Continuar analizando e adquirindo coñecemento sobre o lixos mariño coa colaboración de plataformas como MARNOBA, cos pescadores e de sectores como o do arrastre, será primordial para o coidado e protección do ecosistema mariño.
Fonte e imaxe: Ecoembes